Opinión

'TÚ ME DAS CREMITA'

Mouras e mouros son figuras sobranceiras do imaxinario galego. Seres de traza humana e esencia máxica que habitan en penedas, castros, cidades asolagadas ou covas e que nas súas relacións connosco só esixen que cumpramos a palabra (meu dito, meu feito). Caste capaz dos máis enormes prodixios, teñen porén un problema: en ocasións, ao debullar os seus sortilexios, len de máis e entón as palabras, no canto de criar maxia, provocan que o mouro se eleve paseniño no aire até esvaecerse no ceo. O único xeito de volver á terra, á realidade, é 'desler', recitar o texto ao revés.


Á esquerda nacional cómprelle tamén 'desler' para volver. Campa de novo no foro a retesía entre reformistas e revolucionarios, e os representantes destas antigas polas ideolóxicas, socialdemócratas e comunistas, discuten con conceptos baleiros sobre realidades inexistentes. Esmagados pola nosa derrota colectiva, son incapaces de admitir cuestións evidentes para a cidadanía común. Os primeiros, que o seu modelo de inclusión social baseado no alongamento ad infinitum da clase media morreu coa globalización, a elefantíase da economía financeira e o final do medo ao comunismo. Os segundos, que o individuo chegou á historia para ficar nela, que esta non ten un momento cero dende o que inaugurar o real e que non fomos quen de construír unha economía eficiente alternativa á capitalista.


E no entanto é este o tempo da política. Por iso resultan esperanzadores pasos como os que está a dar Xavier Vence, o novo portavoz nacional do BNG, que no esteiro do que xa fixera Xosé Manuel Beiras, chama a unha confluencia das organizacións da esquerda do país. Coido que esta apelación debería atinxir, sen exclusións apriorísticas, a todos aqueles que cren no dereito do pobo galego a decidir e que poden respaldar un programa de reformas sociais que, de aplicárense materialmente, devalaría en ruptura do existente. Velaí a unidade real de reformistas e revolucionarios. Por exemplo, se falarmos dunha sanidade pública galega, alguén pretende facela sen repensala dende unha perspectiva de xénero? Sen bos xestores públicos, sen apoio parlamentar amplísimo, sen un executivo sólido? E o máis importante, sen unha maioría social mobilizada para sobordar os límites do actual marco institucional e socioeconómico?


A xente anda polos carreiros como o Dostoiesvski contaba que andaban os súbditos da opresión zarista: organizando de xeonllo motíns parciais. Non decide erguerse de vez e tomar o poder porque recea de non saber que facer con el. Necesitamos descubrir, comprender e bulir xuntos. Traballar con instrumentos similares ás estruturas disipativas que nos refiren físicos como Prigogine: espazos plurais, fluídos, onde o caos e desorde aparentes producen unha orde máis racional e eficiente que o da mecánica newtoniana. Namentres Rajoy convulsiona para resolver o seu particular dilema do tesoureiro ou Feijoo dá ao prelo as fotos que ilustran as súas memorias de político adolescente, nós podemos comezar unha danza promiscua. E de seguro que o noso punta tacón será mais poderoso e atractivo que o rousar do noso presidente pola cuberta do iate ao son de 'Tú me das cremita, yo te doy cremita'. Th, th, that´s all friends.

Te puede interesar