Opinión

FESTA RACHADA RETURNS

Coido que a literatura conta case sempre mellor a historia das persoas que a mesma Historia. Gunther Grass, no romance 'O rodaballo', narra o discorrer de Alemaña e Europa ao través da relación triangular entre un peixe sagrado (o rodaballo), un falso personaxe central masculino e as distintas xeracións de mulleres dunha familia que, esquecidas da Historia, son as súas protagonistas reais. Grande parte do conto artéllase dende a seu vencello cos alimentos e a súa elaboración. Nunha pasaxe, unha delas cociña patacas e fala de cómo as súas devanceiras só podían saciar a fame dos seus con landras. Nesa mesma altura, os galegos pasamos de comedores de castañas a comedores de patacas. No entanto a castaña, un clásico, fica viva en empresarios cosmopolitas como Cuevas ou Posada que a exportan a Xapón, ou na nosa festa do Magosto.


Insisto en que a grande festa de Ourense debería ter o outono como tempo, espazo e sentido. Enxerguemos un mes de imaxinación que converxa no San Martiño. Os nosos teólogos e esoteristas poderían conversar sobre Prisciliano, o verdadeiro apóstolo e mártir da Gallaecia. Falariamos da modernidade do noso patrón que, dende a ortodoxia, volveu por il, que foi o maior heterodoxo. Os nosos historiadores ensinaríannos como o noso primeiro reino, o suevo, se converteu ao catolicismo polo súa intervención. Físicos e químicos farían cábalas sobre a enerxía das nosas fogueiras, eses pequenos big-bangs. Nigromantes variados explicarían a súa luz e calor como a enerxía que se move circularmente do alén ao aquén. Cismariamos na galeguidade do mestre Ioda, que coincidía connosco en que o lado escuro e o luminoso son facianas da mesma forza. Nos bañariamos en augas quentes que, aínda que sempre distintas, son o noso recorrente devir. Mollariamos a morriña, a saudade, o 'spleen' das follas murchas do Posío no viño novo que sempre retorna. A mellor batería de 'dead metal' do mundo, a amiga Sonia, redobraría para acompañar a Agromadas a cantar 'Ourense ao lonxe'. Sarabela convertería a cidade no escenario de todos. Os nosos plásticos amosaríannos nun plasma ubicuo os fractais que se agochan nos ronseis dos nosos ríos. O festival de cinema rodaría o mundo. Nos nosos pubs soaría o 'house' de ProxectoGZ. Sonoro Machine interpretaría cos músicos do Conservatorio unha sonata de outono polas nosas rúas. Experimentariamos novos sabores, mesturas de porco, castaña e algas dos nosos convidados nipóns. Brindariamos coa cervexa que nos trouxeran os bárbaros da Oktober Fest. E, o mais importante, baixariamos, do Montealegre aos urros, como un colectivo Pantagruel, multiforme e anónimo, para encher a cidade de esmorga e pándega.


Posibelmente todo isto non sexan mais que as divagacións dun malpocado e non exista en Ourense, necesitada tan só de sentido e interpretación, esta enerxía. Quizás o indicado sexa gastarmos 180.000 euros anuais en algo tan innovador, creativo e 'nacional popular' como o Derrame Rock. Perdóenme logo, pois, como cantaban os heroes de Leño, 'soy bastante deficiente'. Dicían tamén 'me gustaría ser feliz'. Así que, nestas festas tan sinaladas, mollemos a palleta e entoemos 'O rodaballo' ao xeito dun coro de voces virxes. Boas festas. Th,th,that´s all folks.

Te puede interesar