Opinión

OS ÍDOLOS DA PROGRESÍA

Quizás o primeiro individuo que nos avisou sobre a falsidade da conciencia ideolóxica foi o inglés Francis Bacon. Prevíanos contra os 'idola', ídolos, as ideas que suplantan a realidade e que condicionan o noso actuar. O poder financeiro crea hoxe tópicos que, tristemente, son interiorizados e defendidos pola sedicente socialdemocracia. A afirmación de que viviamos nunha festa, troula, ruada permanentes e que agora toca a realidade prodígase nas bocas dos 'progresistas'. De nada serve que exhibas datos fácticos como a diminución en Occidente nos derradeiros 30 anos da proporción das rendas salariais na riqueza global ou dos investimentos nos servizos públicos. No universal contexto da mentira a análise da realidade dende o puramente subxectivo convértese nun elemental exercicio de honestidade.


Marga e Lolo traballan sete horas e media diarias ao meu carón. A primeira emigrou a Suíza de nena e volveu á terra xa con 17 anos. Entre dous mundos rematou o BUP e aprobou, como Loli, unhas oposicións, ás que acudiron 100.000 persoas. Dende hai mais de 25 anos manteñen o Estado a cambio da freba de 1.200 euros de salario. Coidan dos válidos e os incapaces das súas familias. Serven á cidadanía con eficacia e cun sorriso. Fórmanse en esgotadores cursos sen retribución despois da xornada laboral. Opositan de novo para acceder a corpos superiores. Se reciclan de xeito autodidacta e pasan da Olivetti mecánica a idear bases de datos moito máis eficaces que as que nos venden, a prezos de monopolio, as empresas privadas. Poñen os alicerces do noso traballo e aínda nos dan a vida do xardín que volve humana a nosa oficina.


María criouse na Xironda, na Galiza profunda da montaña raiota. Como todas as nenas do rural mantivo casa e facenda. Con 16 anos veu a Ourense, onde fregaba e estudaba perruquería, rama na que se empregou. É o piar dunha familia e unha casa sempre aberta a todos. Participa en toda caste de iniciativas ou organizacións altruístas a prol da natureza, a cultura, a lingua do país. E aínda ten vagar para cantar, bailar e regalarnos un xardín.


Ana ergueu con doce horas diarias de chollo unha empresa que hoxe ten 14 traballadoras que gozan dunhas condicións laborais moito mellores que as do convenio que as rexe. Desempeñou, de xeito altruísta, cunha eficacia que todos recoñecen cargos políticos relevantes no ámbito do nacionalismo galego. É o faro da súa familia e de moitas persoas que buscan acubillo e agarimo no seu seo. Ademais tamén nos agasalla cun xardín.


Estas persoas ofreceron á sociedade traballo xeneroso e bondade. Como millóns de galegos aos que agora se insulta atribuíndolles unha existencia de esmorga e dispendio. Insultos que se volven cruel escarnio cando os escoitan os nosos parados ou emigrantes. Parece que hai 'progres' que teiman en que vexamos como adornos as cadeas que nos aferrollan. Como contumaz e provecto marxista recordo que o filósofo dicía que a humanidade só loita polo que ve posíbel. Triste progresismo o de aqueles que xa non saben, queren ou poden loitar pola simples dignidade do pobo.


Th, th, that´s all folks.

Te puede interesar