Opinión

Máis sobre o PXOM: limitarse é expanderse

Na Casa Museo de Carlos Maside en Compostela poden ver o cadro dunha vaca cuxo ollo é o resumo da historia posíbel dunha estrela. Un centro ocre, rodeado dunha infinda gama de amarelos e laranxas concentra no animal totémico o agarimo da vida animal e o misterio da materia cósmica. Eis o singular universal como obxectivo para a planificación de Ourense e velaí algunhas das doas precisas no rosario.

A participación cidadán en asembleas ordenadas e sistemáticas para recoller a sabedoría do común e para que os poderes democráticos encargados da xestión do Plan poidan, co pulo da xente, superar os ataques da reacción socio política.

A inclusión da óptica de xénero que posibilite a igualdade real entre homes e mulleres no uso do espazo e do tempo da cidade e remate coa actual xerarquización a prol do varón de mediana idade e automobilista.

A concepción dos medios urbanos e rural ao xeito da nosa tradición nacional como lugares simbióticos fronte á actual dialéctica capitalista planetaria na que o mundo rural só é un universo para a súa explotación “extractiva” ou turística. Para isto compre que Ourense contemple: parques industriais como o do Val da Rabeda, asentados no valor engadido do coñecemento sobre a produción primaria; a auga como a nosa potencia; a explotación forestal do monte municipal e en man común.

Asumirmos de vez que os dereitos de urbanización e as súas plusvalías son dende o cardo e o decumano romanos de titularidade pública e non unha facultade asociada ao dereito de propiedade. Por iso debemos utilizar a expropiación como instrumento de xestión habitual e normalizado para que un 10% de propietarios non posúan todos os dereitos namentres o 90% fica sen ningún. E debemos establecer uns estándares dotacionais, de zonas verdes e de vivenda de promoción pública por riba dos mínimos legais que hoxe reflicte o proxecto.

A consideración da vivenda como un dereito básico que se garante polos poderes democráticos. Compren medidas fiscais que introduzan no mercado de aluguer a parte das 14.000 vivendas baleiras que non constitúen o aforro das familias galegas senón acumulación especulativa ou espolio bancario. Xeneralizarmos a rehabilitación e equilibrarmos a edificación entre o rural (con menos do 2% na década derradeira) permitirían reducir o volume de previsión de vivenda nova de 20.000 a 12.000.

A intelección de que o desenvolvemento pasa pola incorporación do coñecemento e as comunicacións ás nosas capacidades. Deixemos de clonar infraestruturas existentes. Fagamos da Muiñeira ou o Centro de Interpretación da Natureza espazos de investigación sobre a auga no canto de lares do esmorecemento. Interioricemos que para o noso futuro son moito mais perentorias e vitais as conexións rexionais, atlánticas, portuguesas e europeas que un AVE que reflicte a actual concepción de nos como periferia de Madrid.

Castelao, no “Sempre en Galiza”, recolle para o país o ideal da Cidade Xardín que na Gran Bretaña difundira sir Ebenezer Howard. Case sempre a modernidade vive a carón de Nós. Th, th, that's all folks.

Te puede interesar