Opinión

RARA AVIS OU MAMÁ QUE RARA SON

C-3PO e R2-D2, os robots da 'Guerra das Galaxias', queren entrar na Taberna Galáctica. Dentro se 'maman bien mamaos' humanos, humanoides, artrópodos, insectos, batracios. O taberneiro fítaos e prohíbelles a entrada. Un dos parroquianos pregúntalle o porqué e este, moi cheo, contesta: 'Aquí non entra xente rara'. Na baiuca do BNG, os normais ollamos cara a porta e só detectamos xente estraña.


Mentres escribo isto, o noso portavoz di, con toda xustiza, que a demora até o 2018 na construción dos 150 km. da alta velocidade é 'unha agresión á sociedade galega'. O mesmo portavoz preséntase á reelección cun texto programático que nega (como facía a Thatcher) a existencia desta mesma sociedade e afirma que só hai clases opostas entre si. Segundo este texto, o nacionalismo galego debe basear a súa acción no proletariado e esquecerse de obxectivos comúns. Unha cidadá escoita na súa casa e aprecia unha contradición evidente cos momentos en que o BNG lle pediu que se manifestara a prol dunhas caixas galegas, duns servizos públicos de calidade universais ou da lingua de comunicación desa sociedade. Conclúe: que rara son!


Quen quere ser candidato polo Bloque á Presidencia da Xunta pediulle o voto a todos os galeguistas e progresistas na derradeira campaña das eleccións xerais. Agora, o texto que asina mantén que o galeguismo é unha posición morna e que só os que defendan a república galega teñen acubillo connosco. Asemade que ser 'progresista' é ser un tépedo nunha organización moito mais á esquerda. Unha votante, unha das 128.000 autónomas do país, exclama: que rara son! Outra votante, unha empresaria máis das 75.000 con menos de 10 traballadoras, retruca: pois eu!


O honesto e intelixente alcalde de Allariz continuou a política iniciada en tempos de Quintana baseada na creación dunha identidade local integradora, na procura permanente do investimento privado (incluído o foráneo) e na prestación de mais e mellores servizos públicos (incluso con xestión privada). 19 alcaldes do BNG solicitan que se valoren estas políticas. A corrente que apoia o alcalde de Allariz fala de expulsar a estes rexedores. Unha veciña, empregada dese sector servizos que fornece o 65% do PIB galego e que asistiu na vila durante o derradeiro verán a un campamento municipal de inmersión lingüística en inglés cisma: que rara son!


Unha veciña da rúa Concordia de Ourense atopa a un militante do BNG que sae dunha xuntanza. Pídelle que lle explique que debemos facer coa Europa na que estamos. O noso compañeiro coméntalle que en realidade nós temos máis en común con Guiné-Bissau que con Europa. A veciña non se atreve a inquirir máis. Pode ser que se descubrira un novo camiño xacobeo que dende África remate en Compostela e non quere ficar como ignorante. Rumia: que rara son!


Conta Montaigne do súbdito de Savoia que, como non concibía máis universo alén do seu ducado, chamaba necio ao rei de Francia por non saber facer carreira e chegar, cando menos, a criado do seu señor. Tamén no BNG podemos pechar límites. No canto de beber nun creativo e divertido furancho galáctico farémolo nun estamental e aburrido casino de provincias.


Th, th, that´s all friends.

Te puede interesar