Opinión

A REBUSCA: O BING BANG VS O BIG CRUNCH

Un dos tópicos que se adoita apoñer aos galegos é o de sermos esencialmente individualistas e atribuír a isto o noso desenvolvemento relativo. Tal simpleza descoñece o noso devalar socio histórico e despreza todo o caudal cooperativo e solidario que aniñou dende sempre no noso campo, mar, industria ou comercio. Recordaba isto ao visitar un curro rehabilitado no Concello de Manzaneda onde se explica a figura do 'custeiro', o veciño que por quenda acompañaba nos cumes ao pastor contratado polo comunal entre a primavera e o outono. Un exemplo mais de propiedade colectiva xestionada solidariamente.


Xiraba esta visita co gallo da Festa da Rebusca que organiza a asociación homónima, na parroquia de Paradela, onde a terra se sabe uceira e castiñeiro. Durante dous días xente da nova Galiza urbana e os paisanos da noso Macizo interactúan con músicos, teatreiros, artesáns. Patrucios e 'perroflautas' conversan e cantan con Lily Marlen para que Manzaneda sexa, como o cabareteiro Berlín, metrópole da imaxinación. Con medios cativos, co único apoio do seu Concello e dos negocios locais, un fato de mozas e mozos da montaña son quen de erguer un modelo de eficacia, fantasía, valorización do país e universalidade. Son os mesmos que veñen de formar unha cooperativa para a recollida e comercialización da castaña e que cisman noutros modelos para recuperar as súas aldeas. Vogan no ronsel do que foi seu alcalde, o Toño de Manzaneda, que deixou o seu seguro benestar na Cataluña para volver á súa terra e montar alí unha empresa solvente de marabillosos embutidos.


Ese fin de semana durmimos toda a familia a catro quilómetros, na Estación Invernal, nun excelente e modernizado apartamento ao popular prezo de 56 euros. Foi unha boa sorpresa logo do desleixo que tiñan os anteriores xestores. Porén o realmente grave, naquela altura, radicaba na incapacidade das nosas elites para criar un relato sobre unha paraxe única da nosa nación. Administracións e empresas colaboraban para acadar un imposíbel a priori: faceren desta marabilla natural, etnográfica, histórica, un non lugar prescindíbel dos que sobre abondan no planeta. Os novos xestores teñen agora a oportunidade de valorizar o seu forte compromiso inversor inseríndoo no espazo simbólico e material do país.


O modelo estándar dos físicos sobre a orixe do noso Universo basease nun Grande Estoupido naquel momento en que espazo e tempo eran indistintos. O mais incríbel é que na simpleza orixinal contíñase xa a semente da actual estrutura híper complexa do cosmos e da vida. Algúns científicos coidan que o esgotamento do combustíbel provocará , tras do arreguizo definitivo, o Big Crunch, a contracción final da materia e a enerxía. Quizás a complexidade desexada do universo Galiza estea xa inserida na capacidade auto organizativa de fenómenos como a Festa da Rebusca. A nosa obriga sería a de provocar o seu Big Bang e cumpriría para iso deixarmos para autoridades recoñecidas (os Siniestro Total) o debate de se o Universo é cóncavo ou convexo e botar, de vez, aos mordomos do Big-crunch, eses que dilapidan o combustíbel común na rescate do seu sistema. Th,th,that´s all friends.

Te puede interesar