Opinión

OS ESCRITORES GALEGOS

ODía das Letras Galegas adícase ós escritores galegos que escriben en galego. É de xustiza que se faga unha homenaxe ós que escribiron en galego, aínda que sempre penso que é unha pena que grandes escritores galegos escribiran sobre Galicia en castelán ou noutros idiomas e non ó fixeran en galego. Sen dubida, as circunstancias de tempo e persoais foron determinantes para elixir un ou outro idioma. A min gústame ler a Rosalía de Castro e tamén a Emilia Pardo Bazán, deslúmbrame Gonzalo Torrente Ballester e paréceme moi interesante a previsión de futuro de Castelao en 'Sempre en Galiza'. Sorríome ó ler 'O bosque animado' de Wenceslao Fernández Flórez e desperta a miña conciencia 'Aires da miña terra' de Manuel Curros Enríquez.


Os autores que escriben en galego defenden e protexen o noso idioma e a eles hai que recoñecerlles o mérito. Imaxínome que 'Los gozos y las sombras' de Torrente Ballester se houbese escrito en galego e non en castelán, e penso que sería unha das obras mestras da literatura galega, porque descríbese maxistralmente o carácter e a personalidade do cacique, o ambiente e atmosfera do casino dun pobo, a vida dun ilustrado galego e a dos mariñeiros. Aínda así, falla o idioma, porque en castelán non é o mesmo nin é o propio do ambiente e dos personaxes. Tamén penso o que gañaríamos se 'O bosque animado' se houbese escrito orixinalmente en galego, onde descríbese a vida do pobo (que falaba en galego non en castelán), do rural, do bandoleiro que bótase ó monte e que todo o mundo coñece, incluída a Garda Civil, a vida nun pazo e a do cura que o visitaba.


Rosalía describe nos seus poemas en galego con verdadeira mestría a saudade galega, a tristura e o drama dos campesiños galegos que emigraban a Castela. A literatura galega sería moito máis grande e recoñecida se todos os escritores nados en Galicia houbesen escrito en galego. Xuntos todos, Rosalía de Castro, Ramón del Valle Inclán, Manuel Murguía, Emilia Pardo Bazán, Curros Enríquez, Torrente Ballester, Otero Pedrayo, Wenceslao Fernández Flórez, Alvaro Cunqueiro, Camilo José Cela, Alfonso Castelao e moitos máis, farían da literatura en galego unha referencia mundial. É difícil axuntar nunha soa terra, Galicia, tantos escritores e de tan alta calidade. Todos eles, dunha ou outra maneira, son mestres da escritura e describiron maxistralmente a personalidade dos galegos, a nosa paisaxe, a nosa historia, os nosos costumes e tradicións ou as marabillas que temos na nosa terra galega.


Se todos houbesen escrito en galego, sen dúbida, Galicia sería aínda máis grande. Galicia é terra de grandes e ilustres escritores. Coidemos o galego e a nosa cultura.


Te puede interesar