Opinión

4x7?... sábeo o móbil

Hailles non pouca xente que pensa que poñendo cara seria, todo canto diga ou faga, é ou ha ser razoable. Sinxela nos poñen a cousa estes que así proceden. Falando esoutro día de aí atrás cunha ensinante (así o diciamos daquela os hoxe ex combatentes do 68) expreseille a miña convicción de que os rapaces non deberan utilizar tanto os seus teléfonos móbiles e mesmo tampouco as persoas maiores. Ela olloume moi seriamente, tanto que crin avido a razón argumentarlle con algún exemplo. Simple que son, púxenlle como tal o feito de que utilizalo como calculadora non os axudaría en moito e que millor sería que lles axudasen a desenvolver a súa capacidade de memorización aprehendéndolles por exemplo a memorizar a táboa de multiplicar. Craso erro o meu.

A teacher puxo cara seria e miroume cunha fixeza tan propia dunha curuxa que me fixo sospeitar un enorme desprezo pola miña proposición; logo díxome: eu mesmo utilizo o móbil como calculadora. Pra todo?, pregunteille; xa saben que son algo cismón. Pra todo!, respondeume. Mesmo pra calcular 4x7?, respondinlle. Mesmo pra iso!, respondeume. A verdade é que pra que vai un aprehender a táboa de multiplicar e axilizar neuronas se o que hai que saber é tecolexar no abecedario do móbil, concluín non sen ironía. A profe sorriu encantada. Claro!, exclamou co entusiasmo propio de quen lle abre a cabeza a un que o necesitaba. Deixeina disfrutar do seu éxito. Hai xente que, pese a poñer cara seria en beneficio dos seus actos e afirmacións, facéndoos pasar por razoables, precisa desfrutar dos seus éxitos. A miña amiga, un ten amigos de toda laia e condición, non vive en Ourense e non creo que lea La Región por iso voume permitir contarlles a vostedes o que me calei se un segue razoando como ela me razoou a min, iso si, coa cara moi seria e algo circunspecta.

Pra que estudar Historia, Xeografía, calquera cousa, calquera materia se de todo poden fornecernos o doutor Google e Wikipedia na que calquera colga o que lle pete mesmo sen necesidade de facelo poñendo a cara á que nos vimos referindo. Profesores fóra! Que eduque Google. É o berro, a consigna que escoitaremos a pouco que nolo propoñamos. Educar sempre foi unha cousa e informar outra, agora iso xa pode deixar de ser así.

Por iso os xornais xa están comezando a reproducir imaxes de grupos de ducias, mesmo de centenas de persoas ollando fixamente os seus teléfonos móbiles; persoas que xa se van formando acordes coa sociedade que se nos aveciña. Dentro de nada a xente comezará a escoitar os discursos, mesmo as leccións dos profesores que sobrevivan á que lles espera, facéndoo estando máis atentos que ó que estes lles estean dicindo ós comentarios que vaian suscitando no invento ese do Twitter. Permaneceran os comentarios máis numerosos. Velaí como a educación, vai ser substituída pola información. Teremos así multitudes formadas na máis brutal carencia de opinión propia. Sentirán a ausencia de liberdade?

Te puede interesar