Opinión

A condición humana

Reflexionaba Jean de La Bruyère no seu tempo a cerca de quen tería coallo, ou intelixencia, quizás bo gusto e recto xuízo, de lle pór nome a certas cores que, según a luz que recibiran, ían mudando e mudando ata ser outras. Debeuse decatar de tal imposibilidade, ou de tal velocidade dos cambios citados, que acto seguido preguntábase se alguén sería quen de definir a corte, tan cambiante.

Ó recordalo, vendo o actual panorama, é doado preguntarse porque os galegos coñecemos por corte o lugar onde residiron de sempre os animais domésticos, mentres que do Padornelo pra embaixo corte e todo canto animaliño da preferencia de El Señor, canto ser humano, cantas especies de seres humanos, pasean polos arredores dos ministerios xa que, cando menos de momento, o Xefe do Estado, é dicir, El-Rei, reinar reinará, pero gobernar da a impresión de que gobernar goberna pouco. Porén ó que íamos, pese a que xa me embarullei, era a quen, respondendo á reflexión de La Bruyère, ousaría definir eses arrabaldos do poder frecuentado a miúdo por tantos aspirantes como pra dar orixe a prototipos literarios; ó galdosian paseante en cortes, por exemplo.

Pra comezar, en troques de lle chamar corte, se lles parece, imos chamarlle “entorno” ó entorno do goberno á sazón gobernante, tan cambiante e fugaz que non da tempo a se facer unha idea cabal a cerca de cada un deles e cualificalos de xeito oportuno e comprensivo.

Facendo omisión dos entornos de Suárez e de Calvo Sotelo, que abondo fixeron con botar isto a andar, non lles foi o mesmo o entorno de Felipe González; este non se pareceu en case nada ó de Aznar e, cando cabería esperar que Zapatero recobrase actitudes e visións, o entorno volveu mudar de cor. Logo veu Rajoy e volveu mudar a tal coloración, e non lles digo nada co actual ocupante d’A Moncloa. Nin os “entornos”, nin os partidos que os nutren, tampouco as súas accións e características, teñen que ver unhas con outras; tan cambiante é a luz que os ilumina que, dun tempo a outro, tanta é a velocidade coa que transitan as diversas sensibilidades que en ocasións resulta inexplicable a donidade de tanto cronista definidor. É así como todo se nos está reducindo a unha cuestión de sentimentos, máis que de sensibilidades ideolóxicas. Podemos constatalo cada vez que os acólitos dun lado e doutro, dunha corte ou outra, dun entorno ou do seguinte, din e opinan o que teñen que opinar e que dicir, según a luz esa á que se refería La Bruyère, por tanto xa sabemos o que van dicir algo antes de que o digan e mentres todo se vai deteriorando.

Debe ser a condición humana a que tales efectos xenera e a un ciclo séguelle outro e a un tempo de esperanza outro de desidia e volta de novo a comezar ata que algo volve alertar o espírito colectivo...ou así sucedeu sempre ata agora. E déixoo eiquí que non quero poñerme melancólico.

Te puede interesar