Opinión

A luz dos faros

Escoitarlle a algúns analistas políticos participantes nesas alborotadas mesas de tertulianos que locen algunhas cadeas de televisión, non todas, pero si máis das desexables; escoitarlles dicir, seriamente concentrados en si mesmos, que antes da revolución francesa non había esquerdas nin dereitas, acaba por resultar irritante. Pretender dar a entender que antes non había xente dun lado e xente doutro; xente que tiraba ó conservadorismo e xente doutro lado que tiraba a actitudes máis comprometidas coa realidade ambiente, iso, é o que acaba por irritar ó máis temperado.

Alá polos anos sesenta do pasado século, no anterior milenio, manda truco, os situacionistas afirmaban, entre outras moitas cousas, que todo poder é de dereitas pois todo poder tender a se perpetuar nel cunha desculpa ou outra; todo poder tende ó conservadorismo da mesma forma que todos aqueles que o padecen tenden a superalo coas súas propias propostas. Eu sospeito que sempre foi así, e que o que hoxe chamamos esquerdas e dereitas, son as mesmas forzas que fixeron e fan que o mundo avance ou retroceda, que a bondade da vida atinxa a todo ser vivo e que este poida quedar libre de cantas máis maldades moito que millor que si son ceiba unhas poucas delas. ö millor o mundo divídese en altruístas e egoístas. O caso é que os anos nos van aprendendo que cambian os nomes, pero non as definicións e nin moito menos as prácticas desenvolvidas polos humanos unha vez que exercen ou padecen o poder doutros coma eles.

Cambian os nomes ou se o prefiren e botando man de Camoens mudan os tempos, mudan as vontades pero sempre dentro do mesmo rexistro da conduta humana. No libro oitavo das súas “Meditacións” no seu parágrafo 57, Marco Aurelio afirma que eses relampos de luz (entendo eu que eses fogonazos, esas iluminacións do coñecemento) son chamados aktínes, raios, vocablo este que ten a súa orixe en ekteínesthai, isto é espallarse.

Deduzo, sen esforzo, que a miña interpretación sexa un pouco atrevida, pero xustificareina advertindo que tamén é descarada; é dicir, feita a cara descuberta, buscando parangóns que posiblemente non existan. Porén eu gusto en pensar que esa prevalencia dos aktínes sexa posible nuns tempos e noutros e que, según sexan os tempos, a súa capacidade de ekteínesthai, de se espallar debidamente dependerá daqueles que se sintan iluminados pola luz dun coñecemento ou pola doutro. Por iso, digo eu, uns tempos transcorren dun xeito e acto seguido transcorren do contrario.

Esas ocultacións e ese lostregar son propias dos faros e xa sabemos o necesarios que estes foron sempre prá navegación. Porque lostregan e se ocultan, sempre cunha frecuencia fixa, sempre según unha secuencia que os diferenza e permite identificalos pra que nos sirvan de guías, son faros. Se sempre emitíran a mesma luz e o fixeran sempre na mesma ou nas mesmas direccións non serían faros senón que serían farois cos incovenentes derivados de tanta luz ou de negrura tanta que aparvaría á concorrencia.

Quizás o que lles estea pasando ás nosas sociedades, ós distintos grupos de cidadáns que habitamos o mundo, sexa que ós faros son cada vez menos necesarios pra navegar cerca de calquera costa, cerca de calquera tendencia, substituídos que están sendo, e o están sendo cada vez máis, pola dixitalización propia da era cibernética na que acabamos de botar andar.

Estamos sendo aprendidos a non buscar a luz dos faros no medio da noite ou mesmo na crepuscular luz de entre lusco e fusco. O posible engano colectivo ó que estamos a ser sometidos estriba no feito de que as pantalliñas dos móbiles e as das tabletas, dinnos a todos o mesmo, guíannos a todos polo mesmo carreiro dun xeito que nin os situacionistas foron quen de axexar dende a distancia. Nin os situacionistas nin ninguén máis.

Este novo afán de que as dereitas aproveiten a súa quenda pra desautorizar ás esquerdas e as esquerdas fagan o mesmo na súa, desacreditando e negándolles o dereito á existencia ás dereitas, este novo e definitivo afán acabará por converter a especie humana nunha enormidade de seres confundibles cos servos da gleba medievais, por unha parte, e por outra en feudais que non han ter pra cos seus servos nin a metade de obrigas que tiveron os feudais no seu momento. Abondará con que os fornezan de pantalliñas que os entreteñan de xeito que a interactuación duns cidadáns con outros só se realice a través dos móbiles. 

Que isto que se di é unha exaxeración? Reparen en moitas familias que celebran a comida dominical nun restaurante abstraídos, todos os seus membros, na contemplación e lectura das persoas ou as mensaxes que se lles ofrecen nas pequenas e sen embargo poderosísimas pantallas. Mentres así se manifestan e conducen os membros desas familias que xa van abrindo as portas do futuro, permanecen atentos ás pantallas, sen intercambiar palabra algunha entre todos eles, mastigando con desgana algún prato precociñado que non se deferencia en nada dos que lles foron servidos ós ocupantes doutras mesas así de ben domesticados, así de ben entretidos e guiados.

Será todo tan negro como está a ser pintado? É de desexar que non. Pero se eu non me equivoco moito na miña interpretación e aínda equivocándome pero acertando no que reside tras desa interpretación forzada, se non hai aktínes, se non hai ekteínesthai ningunha, dificilmente poderemos saír da caverna de Platón na que estamos sendo reducidos. Non son iguais a esquerdas e as dereitas por moito que ás veces se confundan e nos despisten, cos seus xiros e coas súas emendas. Por iso debemos estar sempre atentos á moral reinante, sempre necesitada de reflexión e freo.

Te puede interesar