Opinión

Alimentar á tola da casa

Alá polos anos cincuenta, se o recordo ben, adoitaba a xente referirse á imaxinación como “a tola da casa”. Tal cualificación implicaba certo desapego da realidade que, algúns considerados “imaxinativos” plantexaban ó amparo da ironía e, moitos outros “esperanzados”, aceptaban como exacta reprodución da realidade que reflectisen.

Como os imaxinativos, apoiando o seu discurso, argumentasen que tal realidade a viran grazas a ser algo viaxados, as mentes bempensantes de entón, aconsellábanlle viaxar menos e ler máis os periódicos. E así fomos tirando, mal que ben ata que o propio decorrer dos tempos foron aclarando a idílica paisaxe que a señora coñecida como Censura Previa levaba anos describíndonos.

Vivimos tempos que non podemos cualificar de escuros, pero nos que a imaxinación non só non toleou senón que cada vez se amosa máis submisa e compracente aceptando a realidade descrita antes que a propia realidade vivida.

Estes días de aí atrás, os considerados máis calorosos do verao, tiven que subir un par de veces deica o aeroporto central de Galicia. Vivindo como vivo na aldea, dende onde eu resido non hai máis remedio que se desprazar en coche se un quere darlle certa axilidade á súa vida. Pra facelo dun xeito rápido e económico conduzo a modo e acorde coa hora de chegada, sincronizando recollidas ou saídas de maneira que non haxa que pagar estadías en ningún aparcamento de pago. Calquera que proceda así constará a presenza nas beiras das estradas próximas de centos de automóbiles estacionados en espera de recibir a chamada que convoque á recollida de viaxeiros. Até aí todo normal e admisible.

O que será máis sorprendente será constatar a presenza de viaxeiros que, pouco menos que campo a través, cargando con víveres e bagaxes, coma antes as acémilas de artillería, andan uns quilómetros en busca do seu propio automóbil, aparcado entre centos doutros máis por idéntico motivo que o propio: aforrar uns euros que hoxe a penas non lle sobran a ninguén agás a eses afortunados que poboan as páxinas da revista Forbes. 

Trátase dunha nova pelegrinaxe, senón xacobea si compostelá, que levada a cabo baixo unha calor tórrida ou dentro duns meses baixo unha chuvieira nada mansa, algo quererá indicar da realidade que vivimos, a mesma que normalmente pode que sexa descrita nos medios de comunicación, pero que tamén pode que resulte velada polos titulares que se poderían tildar de amolecedores dela propia.

Que pasará se, dentro duns meses ou dun tempo que mesmo poderíamos alcumar de improcedente, a realidade social acuse e sinale o deterioro económico da maioría da poboación? Poderá a sufrida clase media alimentar á tola da casa dun xeito que mitigue o deterioro que se amosa imparable no pequeno, verde, doce e por veces triste que habitamos os fillos de Breogán e sobriños putativos do Fillo do Trono? Botémoslle imaxinación antes de que sexa tarde.

Te puede interesar