Opinión

As augas galegas, para Galicia

Opinión

As augas galegas, para Galicia

Cada certo ou mesmo incerto número de anos; ou sexa, de vez en cando, a costa galega (unha das máis fermosas do mundo) convértese nun lugar terrible, fustigado polos temporais, de xeito que nela sucédense os naufraxios e as traxedias sen que sexamos quen de lles poñer remedio. Neste ano xa van algunhas. Ogallá non veñan máis.

A pregunta é a de se haberá ou non algún xeito de mitigalas, de reducir o seu número, de eliminar os efectos catastróficos que algunhas delas levan producido. A resposta non pode ser outra que aquela que a xente de por aí considera moi nosa. Cal? Pois esta: depende. E de que depende? Pois depende do xeito e da capacidade de que se dispoña chegada a hora de xestionalas. Poréilles un exemplo que coido que lles ha soar a repetido xa que o teño utilizado outras veces, é dicir, noutras traxedias anteriores. 

Cando encallou o Cason na costa de Fisterra (tamén era parecido a un "quimiqueiro" como o de agora) aínda había gobernadores civís. O d'A Coruña era un rapaz; ou así mo parece agora a min, cando xa son un vello. Un rapaz de Madrid, moi boa xente e seguro que un bo gobernador pero que do mar debía ter non moitos máis coñecementos que os adquiridos a bordo dun bote dos do estanque do retiro unha vez que convidou a unha moza a navegar por el adiante... se é que o fixo, que non o sei.

Cando o gobernador recibiu a nova do desastre subiuse ó coche oficial e alá marchou camiño de Fisterra. Daquela as estradas non eran as de hoxe, non había teléfonos móbiles, o temporal era duro e tardou dúas ou tres horas en chegar ó seu destino. E mentres permaneceu incomunicado. En tanto o gabinete de crise, convocado polo presidente Laxe, non puido intervir. Prohibíronllo dende Madrid.

Nada máis chegar a Fisterra e falar con Madrid o gobernador recibiu a orde telefónica de alixar a carga, a perigosa carga que transportaba o barco chino e que tantas mortes causou a bordo. O gobernador debía saber tanto de náutica coma eu de bioloxía molecular e onde lle dixeron alixar entendeu alexar e aí teñen vostedes a explicación de que varios camións, cargados de produtos químicos, andaran circulando por Galicia adiante, toda a noite e sen rumbo fixo, coma se fosen unha Santa Compaña motorizada. Ningún alcalde os deixou atravesar polo seu concello e así andaron, sen rumbo, dando voltas sen sentido. O resto está nas hemerotecas.

Cando foi o do Prestige, Fraga tamén convocou un gabinete de crise e tampouco non puido facer nada. Cabreado, foise de caza e ben que acusaron de indiferenza o que só era un cabreo monumental expresado a modo de protesta cinexética. Nas dúas oportunidades que recordo puiden participar; na primeira, como membro do gabinete de crise; na segunda, coma alguén cun trato próximo co entón presidente de Galicia.

Máis tarde, este segundo presidente, estoume a referir a Fraga, propuxo, no noso Parlamento, reclamar de Madrid que a competencia en augas territoriais fora ampliada ás catorce millas náuticas fóra de puntas de xeito que o goberno galego fose o responsable da xestión das grandes calamidades que de vez en cando se nos fan presentes por vía marítima. Curiosamente foron as forzas de esquerda e as nacionalistas as que se opuxeron a tal medida. Inexplicablemente? Pois non, a min explicoume Beiras a razón que o levou a se opor pero millor a gardo... por respecto ó propio Beiras. Naquel lote de propostas ían tamén a reforma do Senado pra poder convertelo nunha cámara de representación territorial e a Administración Única;... pero hoxe non toca falar delo.

O que si toca é recordar que tanto no naufraxio do Cason coma no do Prestige os danos terían sido outros se a xestión tivese dependido da administración galega, coñecedora do medio no que se produciron, o que tería evitado decisións tan peregrinas como as que daquela se tomaron en nas dúas oportunidades dende a Administración Central. 

Cando isto escribo o Blue Star aínda segue encallado na costa ferrolá, afortunadamente en lastre, ou sexa, sen cargamento químico e sen que aínda ninguén explicase o motivo polo que ese barco chegou onde chegou e como. Garroulle o áncora? Había perto del e do resto dos barcos que ocupaban o inmenso fondeadeiro natural que é a ría de Ares un remolcador que lle largara un cabo co que se evitase o desastre? Debería haber ese remolcador ou debería haber varios que vixiasen coma cans pastores os resultados do descoñecemento real do fondeadoiro e do mar de Galicia por parte das esporádicas tripulacións visitantes?

Postos a seguir formulando preguntas, que pouco poden axudar desta a arranxar nada, si cabe recordar que, dado que a reforma do Senado segue a ser necesaria, tamén é posible, necesario, xusto e conveniente, reclamar a xurisdición en augas territoriais do mesmo xeito que a reclamou Fraga, pois segue sendo preciso poder exercelas en circunstancias coma a que actualmente atravesamos; se é que non nos quedan por diante no inverno que aínda non comezou algunhas máis que nos azouten. E xa postos, dado que pra aplicar as directivas europeas abóndanos coa administración española, cabe pensar que pra implementar as leis xurdidas do Congreso é suficiente con que sexa a administración galega -que tamén é española, malia que moitos non se dean aínda por enteirados- quen se encargue delo aforrándonos trámites dos que se queren falaremos outro día. Pero pra elo tamén sería preciso que, non so a esquerda e a dereita galegas se puxeran de acordo, senón que os meus queridos nacionalistas non trataran de "publicidade" as propostas que reproducisen as daquela rexeitada. Outro día igual falamos delo. Mentres tanto o Blue Star aí segue non se sabe aínda por canto tempo.