Opinión

Cando comezou a cambiar o mundo?

Nunca o mundo dera un xiro de cento oitenta graos tan potente coma o que deu nos pasados setenta anos. Atreveríame a dicir, de feito xa o levo dito varias veces, sen que nunca pasara nada, que dende a que nos estudamos como a Revolución Neolítica e noutros países sinalan coma a Revolución Agropecuaria, a sociedade, unhas veces máis, outras veces menos, rexeuse por modelos xurdidos no momento no que o home descubriu a agricultura, se fixo sedentario e se organizou por clases sociais.

A Revolución Industrial non cambiou en nada ese esquema, ou a penas en nada. Tampouco o fixo a Revolución Francesa. Nin o paso da sociedade estamental á sociedade de clases. Tampouco variou moito a cousa coa sorpresa da Revolución das Comunicacións ou a dos Transportes. No fondo, dun xeito máis acusado, nunhas ocasións, con menor incidencia noutras, a cousa sempre seguiu igual. Entón, cando comezou a cambiar o mundo?

Pois, se lles hei ser sincero, teño pra min que o mundo comezou a alterar o sistema de relación entre as persoas cando xurdiu a píldora anticonceptiva. Foi en México, o país que moitos catalogan coma o culmen do machismo, onde en outubro do 1951, Luis Ernesto Miramontes e máis George Rosenkranz, levaron a ramo a patente química do novo composto. Non estaría de máis que os movementos feministas actuantes na actualidade lle rendesen a debida homenaxe; digo eu sen afán de me meter con ninguén e non sabendo se xa se lle fixo esa homenaxe en debida forma ou se aínda está por facer. Eles dous, Miramontes e Rosenkranz, xunto con Carl Djerassi, que se levou a fórmula pra Austria, fixeron máis pola liberación da muller e o deterioro do patriarcado do que ninguén leva recoñecido.

A relación establecida entre as persoas, entre as persoas masculinas e mailas persoas femininas, comezou a cambiar a partires de data que se recordou un pouco máis enriba, concretamente no paragrafo anterior. Os rapaces de hoxe son xa incapaces de comprender a viraxe que deu o mundo cando as súas avoas comezaron a ter dominio sobre o seu corpo, sobre a súa natureza e coido que as rapazas por aí lle han andar. Se non son quen de imaxinar un mundo sen teléfonos móbiles e televisións, sen macroconcertos e redes sociais, instagramados que están xa ambos (cando menos en sociedades como a nosa) como han comprender á viraxe á que me refiro? Nin nós mesmos somos conscientes na maioría das ocasións que se deberan prestar a elo.

Somos os avoíños e mailas avoíñas da miña xeneración os derradeiros en ser chamados a deixar constancia do mundo que se nos foi das mans, por moi oportuna que fose e sexa a tal fuxida e o escaso mérito que se nos recoñeza nun caso e noutro; no caso de recordalo e máis no de aceptalo, diría eu que con euforia e mesmo a pesares dos excesos que a miúdo contemplamos, as máis das sen estremecernos...que algunha razón nos asistirá cando nos invade un tembleque, digo eu. 

Te puede interesar