Opinión

Como é unha mirada impúdica?

Hai cousa de vinte anos, ou así, que son os que xa se fan ou se están a facer dende que eu estiven alí -espero que por última pero non por derradeira vez-, había tipificado en Australia un delito chamado “violación ocular”. Ese delito permitíalle a calquera alumna universitaria vingarse dun profesor a causa dunha mala nota ou simplemente por chamar unha atención que ela considerase merecida ou de rigor.

Non se quere significar co anterior que tal acusación non puidera ser certa nalgúns casos, malia que difícil de demostrar, pero si que era delegar un enorme poder en mans dunha mulleres novas, ou das non tan novas, pra que puideran facer del o uso que estimasen oportuno ou, en ocasións, mesmo divertido. O caso é que polos claustros e corredores das facultades os profesores varóns adoitaban camiñar coma monxiñas ou coma parellas da nosa Garda Civil, de dous en dous e cóbado con cóbado; así un podería testemuñar que o outro non mirara prá denunciante ó se cruzar con ela. Escusado estará ter que recordar que as portas das titorías quedaban sempre abertas de par en par non se fose dar o caso de que algunha alumna saíra dela berrando que o titor a violara coa ollada. Ah, que mundo!

Hai cousa duns días, non tantos, foi alá polo cinco ou seis do mes que andamos, nun “Protocolo para la prevención y actuación ante al acoso sexual y acoso por razón de sexo en el ámbito laboral” saído ó parecer do Ministerio de Igualdad e presentado que foi no seu momento pola directora del Instituto de la Mujer a fin de que, chegado o momento as empresas poñan en aplicación o cumprimento sancionador de tal tipo de comportamentos, entre eles o das “miradas impúdicas” non deixou de nos sorprender. Átenme esa mosca polo rabo. Como é unha mirada impúdica? Acaso unha lasciva? E si a ollada culpable partiu dos ollos dun miope como se deberá comportar o inspector ou a inspectora de condutas oprobiosas durante o traballo? Deberá o traballador acudir ó choio portando certificado médico, expedido por un oftalmólogo, que acredite que o que ten son cataratas, é miopía ou que resulta que naceu birollo?

Hai anos un pontífice, hoxe santificado, considerou que ollar á propia esposa con concupiscencia era pecaminoso. Haberá moitas conxugues que cumpridas as súas vodas de prata non desexen esa ollada procedente do seu home? E viceversa, claro. Ó millor nos estamos a pasar tres paradas de autobús. Amén de pretender ignorar a realidade. No traballo a xente, a maioría da xente, o que fai é traballar e, fóra do horario laboral, no que se entreten, durante o chamado tempo de lecer, é contemplar á pantalliña do móbil; cando non a do televisor, pra ver se dunha vez acaba a traxedia familiar do tribo dos Pantoja. Esa saga exemplar. A exhibición de fotos suxestivas, as cartas ou as mensaxes de correo electrónico, as proposicións prá actividade sexual, os flirteos ofensivos serán, se alguén non o remedia, obxecto de persecución e de condena. Como?

Te puede interesar