Opinión

Confeso que son dos equivocados

Antes, cando falabamos galego, non este dialecto do castelán que falamos hoxe, ó plomo chamabámoslle chumbo. Eu aínda amo e conservo aquel idioma. Certo que o amor e a conservación padecen as lindes que se nos veñen impoñendo dende que temos institucións propias e estas, nun momento dado, decidiron seguir as tendencias que se lle impuxeron, non dende Madrid como algúns supoñen, senón dende instancias castelanizantes xurdidas ó amparo, precisamente, das institucións propias, o que xa é ironía... por non lle chamar doutro xeito.

Había, ou tal se me respondeu a min alá polos lonxanos anos setenta do pasado século, que asimilar o galego ós idiomas cultos; non ó italiano, non ó portugués, tampouco e nalgunha medida ó francés. Había que asimilalo e asimilouse ó castelán que, efectivamente, é un idioma culto. E así nos vai. Confeso, unha vez máis que me equivoquei. Afirmo unha vez máis que non atinaron aqueles que, en troques de propiciar a achega ó castelán, optaron por escribir o galego nun portugués que nin os mesmo portugueses dan dixerido con certa facilidade.

Eu son dos equivocados, confésoo unha vez máis. Que traballo nos tería costado, por exemplo, escribir nh no lugar dun ñ? Ningún. Fronte ó castelán non nos mantemos como un idioma, como eu erroneamente supuña, senón como unha variedade dialectal que non precisa nin sequera de subtítulos nas súa proxección televisiva; mentres que a carón do portugués poderá o galego subsistir como unha variante que conserve as súas características propias. O brasileiro é portugués sen por elo deixar de ser brasileiro.

Durante anos fun someténdome, nalgunha medida que lamento, á esa lei non escrita que aconsellaba escribir nun galego que lle resultase accesible ós non galego falantes. O avó materno das miñas fillas maiores, madrileño de Madrid, adoitaba reprocharme o meu galego por inintelixible mentres moito me loubaba o dun meu querido colega, hoxe desafortunadamente extinto, co que eu mantiña a eterna discusión de que si había ou non había que manter un criterio diferencialista; por exemplo dicir chumbo en troques de dicir plomo.

Foi por ese camiño por onde comezamos a perder léxico na enorme medida na que o perdemos. A tal e lamentable perda seguiulle a da fonética propia. O “e” paragóxico, ese “e” derradeiro que se mantivo vixente ata ben entrada a miña adolescencia, ese “e” deslizado ó remate das palabras: mamaie, papaie, vou xantare, veño dormire, co que nin o propio Afonso X conseguiu acabar pra se diferenciar do exemplo francés, ese e levouno o vento da historia propia. Tras da perda léxica e fonética veu a sintáctica. Construímos o galego a partires do castelán, que lle imos facer.

O recente exemplo que nos proporciona a utilización do “grazas” en troques do “gracias” o que xa nos tiñamos afeito -eu tamén, conste- indícanos ou cando menos indícamo a min que é posible recuperar as vellas palabras e os vellos usos do idioma. A condición é que todos o fagamos de consuno, non de súpeto e botando a xente fóra, pero si pouco e pouco, palabra a palabra, verba a verba, son a son. Hai moitos máis exemplos ca este, todo consiste en dar con eles.

Un idioma coma o noso, quen de xerar falas gremiais coma a dos arxinas, a dos canteiros, da que se conservan glosarios con máis dunha ducia de miles de palabras ou a dos paragüeiros, o barallete, que por aí lle debe andar, ese idioma poder pode extinguirse, non sería o primeiro en facelo, pero deber non debera. Así que, pola parte que a min me corresponda, váianse preparando os meus lectores porque penso seguir escribindo chumbo, e penso escribir polbo e penso escribir todas as fermosas palabras que a miña memoria me consinta.

Ítem máis, voulle render unha homenaxe ó meu amigo Manolo Aián do que hai anos que non teño a máis mínima noticia. Manolo cualificoume unha vez o “ñ”, a virguliña do eñe coma unha bandeira de dominio. A súa afirmación era certa, pero incomoda. O caso é que ter tiña razón e que por algures teremos que comezar se pretendemos endereitar o entorto.

A partires de eiquí mesmo, este cura vai utilizar o nh sempre que lle sexa posible; advírtoo porque non sei que pasará co novo libro que xa teño rematado e as obrigas ás que se ven condicionadas as editoriais respecto da utilización das normas ortográficas que, daquela dos setenta e tantos, foron chamadas do galego común, este mesmo que falamos vostede e máis eu, querido lector, o mesmo co que tan ben nos entendemos á hora de falar cos portugueses de alén Minho, eses que lindan co Douro, sempre e cando o meu editor e mailo director deste xornal mo consintan sen maior problema. Claro que antes vanme ter que dicir como escribir “unha” porque iso de “uma” moito, o que se di moito, non me acae. Pero pra iso disque está a RAG, á que a Lei nosa lle concede a autoridade toda.

Te puede interesar