Opinión

A corrupción tamén é de espírito

A verdadeira ironía é unha expresión de sufrimento e o gran mestre dela foi aquel que máis sufriu: Swift”. Seica así o deixou dito, e polo que se ve ben claro, T.S. Eliot nunha conferencia. E así no lo recorda Mauricio Bach nunha nota biográfica encol de tal e relixiosa persoa. Eu seino porque, a conta do escrito a pasada semana respecto da ironía, sendo como son vello e apaixonado lector de Swift, púxenme a reler cousas del que me amparasen no dito, precisamente, nun ou en dous artigos que vostedes puideron ler, neste mesmo xornal, durante a semana pasada. E isto é así se é que é certo que este espazo se nos está a converter nun mudo diálogo que eu manteño con cada un dos meus lectores. De aí a impudicia e a falta de recato, óu sexa, o exceso de confianza co que a veces me comporto. Disimúlenmo.

O caso é que en “The tale of a barrel” (que acaso poderiamos amosalo como “o conto do barril”, pois o de bocoi non se me ofrece alá moi canónico, non o sei) o mestre inglés, que diso sabería non pouco grazas o seu sacerdocio, afirmou o que segue: “se a relixión é a mellor das cousas, a súa corrupción acaso sexa a peor”. Non me deu a impresión de que estivese utilizando ironía ningunha cando tal cousa deixou escrita.

A lectura de tal afirmación, algúns dirán conxectura, antollóuseme nada aplicable ou cando menos relacionable co escrito a semana pasada. A explicación basease non nas recentes afirmacións do papa Francisco, que nada teñen de irónicas, pero sí coa de Jonathan Swift de que a peor corrupción da relixión é o peoriño do peor. E de aí poderemos retornar ó concepto de ironía.

Pénsoo porque non deixa de ser irónico que os que se afirman máis e mellores crentes, máis fieis seguidores do Sumo Pontífice, máis férreos defensores dos dogmas católicos, tan pronto como un papa di algo que os moleste, que os confunda ou non os afirme nas súas concepcións sociais, na conservación duns privilexios diríase que ancestrais, conseguidos non poucos grazas ó que Torrente Ballester, falando dos arquivos salmantinos, definiu como “dereito de conquista”, xa me entenden, son os primeiros non só en non aceptar as reflexións papais, cando retoman as propostas evanxélicas, senón que o son en combatelas e desautorizalas criticándoas cun fervor do que se non se pode dicir que sexa inusitado porque case que sempre é de todo punto esperable. A corrupción non sempre ten que ver co diñeiro, senón tamén co espírito. Deixase ver axiña que comecemos a sospeitar que haxa unha relixión prós ricos e outra máis prós pobres.

Te puede interesar