Opinión

Cousas de sentimentos


Moverse a impulsos dos sentimentos é moito máis doado que facelo a impulsos da razón; facelo a instancias desta implica unha rota que se diría exponencial, tantos e tantos son os razoamentos que dela se poden derivar que, se un ben o pensa, axiña acoden á súa mente exemplos coma o das cereixas que, tirando dunha delas, esa, trae tras dela cereixas e cereixas coas que alimentar mesmo a gula que a súa dozura produce nos nosos padais. Por iso teimas e teimas en seguir colléndoas dunha nunha na certeza de que han ser moitas as que a sigan. Así tamén os razoamentos, tantos que poden empachar. Todo é cuestión de harmonía, é dicir de equilibrio e medida. Á razón hai que lle por sempre freo, contención e comportase con ela con prudencia. Pórlla ó sentimento xa non é tan doado.

Admitindo (e xa se sabe que isto non é máis ca unha digresión, outra digresión máis destas de domingo, ditas sen maiores pretensións) que o dito poida ser certo será cuestión de se preguntar polos sentimentos. Estes poden ser tan doces coma as cereixas e tan amargos coma os limóns coa particularidade de que nos sentimentos non se contemplan as cereixas senón as chamadas picotas, que son serodias e máis doces, veñen sen rabo e hai que collelas dunha nunha. Cos sentimentos non se pode argumentar moito e a única maneira de afrontalos é admitíndoos ou impoñéndoos. O problema é que mentres que os razoamentos poden ser disgregadores, os sentimentos tenden a agrupar arredor deles as comúns actitudes daqueles que os levan dentro; por iso hai que escoller entre unha sociedade de xentes afeitas a razoar ou outra de xentes afeitas a sentir. E aí é onde nos vemos.

A risco de lle amargar a alguén o domingo con estas divagacións, impropias de xentes serias, debo confesar que xorden dunha afirmación feita por Abraham Maslow, un xudeu neoiorquino, morto a comezos dos anos setenta do pasado século, logo de deixar sentadas as bases que postulaban (e aínda postulan) a existencia dunha actitude humana tendente á saúde mental colectiva (si eu o entendín ben) que poden ser inducidas grazas ó condutismo e maila psicanálise. 

Seguro que non o estou expoñendo ben, así que os lectores atentos deberán comprobalo lendo cousas a cerca deste home. O que eu lles acabo de resumir do seu paso pola terra foi consecuencia da curiosidade espertada en min unha vez que lin unha afirmación súa da que moito me levo valido nos pasados trinta anos. Cal afirmación? Pois a que segue: Cando tes un martelo coma única ferramenta todos os problemas son un cravo. Un cravo no que non fas máis que dar martelazos. A moitos isto antollaráselle unha perogrullada; recorden que Pero Grullo á man pechada chamáballe puño, e que a algúns outros, a min entre todos eles, a simple mención da palabra cravo me fixo vir á cabeza o poema de Rosalía que comeza “unha vez tiven un cravo cravado no corazón...”, un poema que conclúe coma os máis dos lectores sen dúbida han recordar. Porén se non o recordan búsqueno en Google ou nunha antoloxía e entenderan a que me estou a referir. 

Pois ben ese poema, que a min se me antolla extraordinario, serviu en ocasións como peza humorística ó ser recitado por un rapsoda, rateiro e irrespectuoso, que fixo rir á concorrencia ó recitalo cunha voz e uns ademáns que lle cadraban o mesmo que a un Cristo un par de botellas de albariño; esa concorrencia dispuña, case con toda seguridade, dunha soa ferramenta intelectual que utilizou na ocasión pra bater nos seus sentimentos e expresalos cunha inocencia diríase que infantil.

Hailles moita xente así, moita máis da que supomos. O outro día no Náutico de Castrelo de Miño houbo quen, facendo uso da ó parecer da súa única ferramenta intelectual, indicoulle a un rapaz que lle estaba a limpar o taboleiro da mesa, na que ían ser servidas bebidas refrescantes, que si, que a limpara, pero que as bebidas lles fosen servidas por outro camareiro.

A razón do martelazo propinado polo insigne intelectual? Pois que o rapaz seica era de procedencia marroquí e quen así o admonizou puido facer gala dun sentimento ancestral que, a estas alturas, xa debera estar totalmente superado nesta nosa terra de emigrantes que as tiveron que pasar canutas polo mundo adiante e que, según parece, hai xente que ou ben xa non se acorda delas ou ben cre telas superadas: sempre hai xente que se morre de risa escoitando algo tan serio coma o poema escrito por Rosalía... de Castro, enténdase ben, nestes días nos que anda por aí unha cantante que, con todo dereito, utiliza un nome que ós galegos nos remiten sempre a quen, en tempos do doutor Sixto Seco, aínda non tan lexanos, era “A Nosa Santiña”. 

A razón permítenos saber que Rosalía foi unha grande poeta, pero o sentimento pódenos inducir a crer que todos os seus poemas son excepcionais e iso non lles é así e daría medo que así fose. Temos que ter máis ca un sentimento rosaliano, “nós, os inadaptados”. A razón debe empuxarnos a comprender e explicar o porque do comportamento de que quen non quixo ser atendido por un camareiro en razón da súa procedencia, a cor da súa pel ou a cadencia da súa fala, pero o sentimento non nos debe levar máis que á condena da ignorancia e a repercusión que ás súas manifestacións poden inducir na comportamento da cidadanía.

O problema é que sexa de temer que a única cura pra o autor da desconsideración que se deu en Castrelo consista en que el padeza o mesmo desprezo pola súa simple condición de ser natural do lugar no que viu ó mundo co que estaríamos de novo dando voltas á noria. Iso é o que ven facendo o ser humano diríase que dende o comezo dos tempos. Agora xa sen remedio.

Te puede interesar