Opinión

Cultos de latría, dulía e hiperdulía

Tiven eu un primo, un primo segundo -pero xa saben que pode haber, que hai, primos segundos ós que se lles quere moito máis ca ós primos primeiros, que ós curmáns-. Este meu primo afirmaba que os desprazamentos destes dous días pasados eran levados maioritariamente a cabo polas que el chamaba as rotas dos crisantemos. Non estaba mal traída cualificación tan viario ornamental. Os nosos camposantos enchéronse onte e antonte de crisantemos de tódalas tonalidades. Ou iso penso.

Digo que o penso, pero non podo aseguralo. Os dous únicos días, ó longo de todo o ano, nos que me teño prohibido acudir o cemiterio son os de onte e máis antonte. No resto deles, no resto de tódolos días do ano, cada vez que acudo a Allariz, rara é a ocasión que desperdicio sen ir pensar un pouco ó pé de onde xacen os meus pais e non pouca da xente de meu.

Porén, nestes dous días pasados, con todo o respecto que me merecen a celebración e maila presenza de tanta xente en lugares tan sacros como o de Vilanova, non vou eu cabo do Arnoia, facer a visita que considero regulamentaria cada vez que vou á miña vila alaricá, ó lugar do mundo onde me gustaría descansar cando me chegue o día de facelo. Impídemo un floral centro de mesa, grande coma o que puidera ornar a Taboa Redonda de El Rei Arturo, que unha miña parente deita enriba da campa na que repousan os meus... que tamén son os seus, claro, pero que non sei que pensarían ó respecto.

Xa sei que, como desculpa, non vale o que acabo de dicir e mesmo igual non é do agrado da miña curmá. En realidade non vou porque me gusta poder falar cos meus na intimidade e, por outra parte, vin xa demasiados responsos de cinco, dez, quince ou vinte e cinco pesetas, das de entón, como se o dogma da comuñón dos santos non servise pra mitigar os estragos causados por cregos demasiado amigos das pesetas.

Dígoo o anterior malia a miña convicción de que hoxe xa non se estudan no bacharelato, e que polo tanto son ignorados, nin o que son os cultos de latría, dulía e hiperdulía respecto da flor que nós consideramos mortuoria e que pra eles implica lonxevidade, un símbolo solar. Eles chámanlle kiku, unha palabra que por homofonía relacionan con outra, con kiku-ri, ou sexa, coa audición da verdade. Adoito relacionar isto último co escrito máis enriba. Debe ser que eu sempre fun máis dun Cristo Resucitado, dun Cristo Luz, ca dun Cristo crucificado. Esa morte que non dou entendido e, nin moitísimo menos, que dogmas son os que xunguen á católica colectividade; os dogmas, esas verdades de obrigada aceptación e seguimento que, entendo eu coas miñas poucas e reducidas entende deiras, deberían ser observadas por aqueles que seguen o camiño ó que eu, non sei se voluntariamente, me vin impelido a abandonar. Ese da rota dos crisantemos. Prefiro o que pensan os xaponeses.

Te puede interesar