Opinión

Dende o fondo gris do tempo

Quen sabe se o que máis e millor nos vai a nós e andar co paso cambiado ou, polo menos, que nos pillen con el e nos deixen quieto-paraos de xeito que non molestemos máis; aínda que non saibamos moi ben a quen molestamos, nin como, nin cando, nin porque.

Escribo á volta do día no que Basilio Losada, que naceu lugués de Láncara e morreu galego de Barcelona, entregou a súa alma; un alma que foi grande e que os budistas considerarían vella, que agora vagará, invisible, camiñando searas e touzas, brañas e tenzas que nunca esqueceu en vida logo de ter aprendido amalas dende a distancia que lle marcou precisamente a vida.

Basilio explicáballe ós seus alumnos que el nacera na Idade Media e non poucos deles chamábanlle fantasioso, soñador outros, exaxerado non poucos. Pero era certo. Calquera de certa idade que vira arar cun arado romano sabe do que estou a falar e sabe que cerca del, mentres contemplaba como os bois onde van aran, podían estar arando outros, en tanto que arrastraban un arado sen a rella metálica senón de madeira e de madeira tamén tiñan as grades as poutas coas que acariñar a terra.

Quen pode falar hoxe, e falar con coñecemento de causa, de como se esfollaban as espigas de millo á velaíña luz dos quinqués? Quen á esplendorosa do carburo, fixa coma un sol no cénit? Basilio si podía. Pero esa súa capacidade de revivir o pasado pra se apoiar nel e interpretar a realidade circundante, de amar as orixes e desexar o destino inevitable non lle impediu vivir a realidade máis cotiá e moderna, máis actual, tan distante da añorada. Morre Basilio e con el morre un galego instalado na modernidade sen por elo sacar os pés da terra. Non quedan moitos coma el... se é que algún queda.

Vivimos nun país estraño, empeñado tan a miúdo en se negar a si mesmo que causa desacougo o comprobalo. Alguén recorda que o augardente destilado nos alpendres das casas campesiñas mataran ou deixaran cego a alguén? Aquel asunto do metílico que tantos desastres persoais e colectivos causou na nosa terra ourensá, naceu sempre a partires da industrialización e da avidez monetaria dalgún que outro desalmado, nunca do mimo posto na súa obtención nas noites pasadas ó abeiro da alquitara.

Exemplos coma este da destilación do bagazo hai a fartar se un ben os busca. Non se prohibiu a súa destilación industrial, senón a persoal e seria, ancestral e enxebre que en moitos países podería ser vendida en mercados semanais ocupados enteiramente por produtos da terra, na nosa terra recolleitados con agarimo e certezas ancestrais con todas as garantías hixiénico sanitarias pertinentes.

A longa vida de Basilio Losada e aínda outras de non tan longa duración permitiron celebrar as matanzas do porco, ou as destilacións do licor café, facendo gala de coñecementos que proceden do fondo gris do tempo e constitúen comportamentos e ritos que crean sociedade contando coa secular garantía que os precede; unha garantía que non está rifada cos tempos nin cos comportamentos actuais.

Estes días andan a erradicar os secadoiros de congro que aínda quedan cando o sensato sería propiciar a súa continuidade e consumo grazas a contar coa secular garantía que o precede. Alguén se imaxina o polbo á feira sen os secadoiros existentes en todas as terras que tributaban dezmos ó mosteiro de Oseira? Pode que alguén morrera atragantado cun rabo de polbo, pero non se sabe de ninguén que o fixera intoxicado.

Alguén sospeita que as trescentas clases de queixos que desfrutan os franceses sigan sendo posibles sen leis que regulen (que regulen, pero non que prohiban) a súa elaboración e venda a partires das pequenas granxas campesiñas? E que sucede cos salmóns nórdicos, ben afumadiños que son en predios particulares e non poucos se destinan á venda.

Aínda estamos a tempo de conseguir que conviva a produción industrial coa particular ou familiar. Aínda se pode determinar que lugares e días son os indicados prá venda do tradicionalmente producido no noso campo ou no noso mar deixando pra outras oportunidades a venda propia dos chamados “mercadillos” de roupas e outras producións de dubidosas procedencias en non poucos dos casos.

A morte de Basilio Losada de certo que ha producir comentarios moito menos pedestres ca estes meus, pero a súa vida ofrécenos a moitos un exemplo e un espello no que nos contemplar e ver como é posible instalarse na modernidade, acadar as cimas científicas e académicas máis elevadas e actuais sen deixar por elo de ter os pes na Terra e de ser consecuentes cunha orixe e unha historia.

Choremos a desaparición física do amigo e celebremos o exemplo que nos deixa, o camiño que nos indica; celebremos a vida longa e fértil de quen nunca deixou de ser el mesmo e acertou a non pechar ningún camiño dos moitos que ás veces constitúen un agasallo v¡tal que non todos acertan ver por moito que crean ter os ollos ben abertos.

Se é certa a crenza hindú de que o que fai a morte non é eliminarnos senón invisibilizarnos, aló onde agora more o espírito que aniñou case un século no corpo de Basilio, é posible que este, que este seu espírito, e con el os seus afáns e as súas ansias e degoros, xa teña comezado a convivir cos doutras xentes que coma o del soñaron un país non distinto ó que nos legou a Historia e que eles se atreveron a soñar non coma o herdamos senón coma deberiamos telo retornado a ese lugar que, a partires do século XV fomos pouco a pouco sendo arredados mentres outros nos chamaban arredistas e nós collemos medo a selo. E así estamos.

Te puede interesar