Opinión

Diferenzas de Euzkadi e Galicia

Hai frases, desas que se lles din lapidarias, que me irritan dende que teño uso de razón, se é que algunha capacidade de razoar teño, e moito me temo que o sigan facendo ata a consumación do meu tempo. Unha delas é a de que “a letra con sangue entra”.

Cando máis a escoitei foi cando, sendo neno, tiven que memorizar o catecismo do Padre Ripalda. Cando chegaba a casa e me laiaba co meu pai do xeito de inducir as verdades contidas en tal libriño, o meu vello, sempre me respondía que iso non era nada e que moito peor aínda fora o referido ó Padre Astete a quen familiarmente chamaba o Padre Astuto. As verdades, a letra que as contén, nunca deben entrar ferindo porque logo pasa o que pasa.

Se iso sucede coas verdades relixiosas, coas verdades de fe, que non sucederá coas verdades políticas? Cal o sangue co que estas poden integrar o imaxinario colectivo que non sexa o sangue do terrorismo? Impor unha doutrina política por medio do terror é algo que me anoxa dun xeito que non me atrevo a especificar. Moito. Nada e tan absolutamente me produce tanta indignación, tanto noxo, coma o sometemento a unha doutrina que implica a actividade terrorista. Estes días pasados co cabodano do asasinato de Miguel Angel Blanco volvemos ter noticia de que o terrorismo segue actuando malia que nos dea por pensar, tranquilizándonos, que é algo que xa está máis ca superado. É así?

Agora veño de ler no xornal da capital de Galicia que mentres que o Goberno central ven tratando diríase case que con mimo ós terroristas vascos encarcerados por delitos de sangue (a letra con sangue entra) reducíndolles condenas, trasladándoos a cárceres más próximos a Euzkadi, algo que a min non me parece mal pois non teño porque supor que os seus familiares non teñan que penar indo a velos a lugares distantes, os presos galegos, sen delitos de sangue nas súas conciencias, levan un trato diferente e nin se lles reducen as condenas, nin se lles dan as facilidades que si se lles prestan ós seus homólogos vascos, se é que é homologable unha realidade con outra, que non o é.

A lección que se pode desprender da reportaxe lida no xornal capitalino é tan dura que non me atrevo a cualificala, nin sequera a valorala pero ofrézolla ós lectores por si algún ten a ben considerala cando menos no que se refire a considerar, de paso, as diferenzas non xa entre uns terroristas e outros, senón entre unha sociedade e outra, entre uns políticos e outros, entre unha comunidade e outra.

Seremos demasiado obsecuentes os galegos é unha pregunta que me formulo moitas veces e que, en cada ocasión nas que o fago, confeso que me fire fondamente porque implica a confirmación de que a letra con sangue entra e todo un universo vital se me ven enriba porque sigo renegando do terror e dos froitos que xenera. Uns en Euz-kadi, outros na Galicia.

Te puede interesar