Opinión

E se veñen mal dadas?

Hai un par de semanas, ou así, que na prensa -na impresa e máis na dixital- veu a noticia de que Galicia conta co maior número de tractores que permanecen parados e sen utilizar de toda España. Confésolles que a min, este tipo de datos, arrepíanme e, por dicilo rápido, cabréanme e póñenme de mala leche. De moi mala leche, non de mal leite, que ise élles outro conto.

Se temos case que cincocentos mil tractores parados -por certo, que traballiño nos tería costado escribir trattores, respectando así o grupo consonántico culto latino kt como o respectaron os italiáns e, ó tempo, o xeito der pronuncialo que temos no país; sigamos: se temos case que medio millón de tractores desaproveitados baixo os alpendres das aldeas resulta doado imaxinar que tamén teremos a maior cantidade de terra igualmente desaproveitada, abandonada e deixada a monte, xa nin sequera a toxeira, a xesteira ou a calquera outro aproveitamento dos non poucos dos que tanto nos temos validos noutros tempos.

Logo da desindustrialización padecida a mediados do século XIX, sufrida en beneficio do algodón catalán e en detrimento da nosa industria téxtil, fomos un país que sobreviviu grazas á gandería, á pesca e a agricultura ou, pra ser máis exactos, ó mar, á terra e máis tamén ós ríos. Exprésase así porque industria naval sí que a tivemos, e ben boa por certo; industria pesqueira tamén; industria enerxética nin lles conto, malia que sucedese así a conta de alagar os nosos vales máis feraces pra que a electricidade producida nos nosos encoros construídes neles fose alimentar as industrias que, lamentablemente, non se instalaron eiquí senón por aí adiante sen que eu agora pretenda, nin queira, sinalar a ninguén co dedo; que poder podería. Ou non?

Cando o resto de España andaba esfameada eiquí fómola virando, mal que ben, pero virándoa. Sempre había unhas berzas e un pote no que ferver o caldo, unha codia de pan e unha cunca de viño ou leite, amén dun touciño que ir cortando cunha navalliña e pra ilo mastigando a xeito de compango. Non sei como han ser os tempos que han suceder a estes, tan atravesados e tristes como son os que estamos vivindo, pero poñámonos no pior dos casos. Sería posible nese caso subsistir como fomos outrora subsistindo? 

É moito de temer que non: nin sequera disporiamos xa, nas aldeas que aínda quedan, daquelas tendas que tiñan de todo pra que nos vendesen ó fiado e, un desabastecemento das gasolineiras deixaríanos arredados desas grandes superficies comerciais que viñeron subtitulas. Certamente trátase este dun panorama tétrico e dificilmente pensable, pero é pra irmos facéndonos unha idea da desprotección á que, sen necesidade de buscar culpables, porque unha parte da culpa sen dúbida que é nosa, fomos chegando según as décadas ían transcorrendo e nós, como diría Blanco Amor, andabamos ós biosbardos ou, como dín polo Ferrol, ás minchas.

Nin todo industria pública, nin todo industria privada, menos aínda se só ha estar nas mans das transnacionais pero, en todo caso, cales son as que nos quedan: as derivadas dos anos xacobeos? pois conten que non poucos dos cartiños que se amasan nesa inmensa factoría deles que é a catedral compostelá non se han quedar eiquí na maioría dos casos. A téxtil? pois agradezamos que teña a ben dedicar os cartos que dedica o señor Ortega á obra social e os que anonimamente entrega en máis ocasións das que sospeitamos. A industria da madeira, non do papel, non nos enganemos, tampouco nos ha valer poisque isa non está eiquí senón fóra, e estáo a conta de estragar a ría de Pontevedra e proporcionar os centos de postos de traballo que proporciona, non moitos máis de uns poucos centos desgraciadamente. Seguimos? De quén é hoxe Pescanova, sábeo alguén? Cómo está a nosa industria láctea? E a cárnica, aquela dos grandes matadeiros? Seguimos vendéndolle pedra de grao ós italiáns pra que a comercialicen internacionalmente como mármore de Carrara? 

Cando eu era rapaz Pontevedra capital tiña máis bares que toda Finlandia xunta, onde está hoxe Finlandia, ónde nós, cál futuro nos está a esperar? Estamos felices porque temos non sei cántos restaurantes que locen estrelas Michelin, mira ti qué ben, pero os máis dos berberechos que comemos, as nécoras, os centolos, os lumbrigantes, todo canto comemos, as leitugas, a froita, cando non veñen do Irlanda, veñen do Canadá ou de Holanda, do Levante ou de Marruecos.

Fomos colaborando no desmantelamento dun modo de vida propio e fixémolo sen nos rebelar mentres non se estaba a crear outro e aceptamos como normal e sen rechistar aquelo tan sabido de pan pra hoxe e fame pra mañá. E así estamos. Temos un bo sistema sanitario (o que no é pouco) temos outro educativo aceptable, pero seguimos sendo uns europeos excéntricos e mal comunicados carentes dun tecido agrícola e outro industrial significados. Qué pasara se nos veñen mal dadas? Teremos que considerar, moito máis que ilusionantes, ilusorios os tempos de bonanza que vivimos deica hoxe. Aínda estamos atempo de emendalo, sempre se está a tempo de facer en tres anos o que non se fixo en oito. Pero non conviña deixar pasar moito máis tempo... pola conta que nos ten. A todos.

Te puede interesar