Opinión

Emoción televisiva

Había ben anos que non contemplaba a retransmisión televisiva dunhas olimpíadas, pero nas aínda tan recentes desquiteime. Debe ser que estou maior. Tanto que deixei de velas cando me decatei de que me estaba a emocionar por calquera trapalladiña. Coño, díxenme nese xusto momento de me vir da burra embaixo, estacheme pasando o mesmo que lle pasaba ó hoxe defunto Fraga: que, era escoitar unha soa verba, Galicia por exemplo, e xa se lle esganaba a gorxa, xa se lle troupeleaban as palabras e xa non era difícil velo deitar unhas bagoas que mesmo recordaban a desembocadura de Ezaro, ese prodixio agora dotado de regulación hidroeléctrica.

Regresei de contado á lecerosa contemplación post prandium na que tanto me afanei sempre. Son dos de almorzar logo das doce e cear antes das oito así que imaxínense. Papei partidos de water polo, de ghoquei herba, de fútbol e moito atletismo, moito; ata vin os concursos de karate e de escalada. Un prodixio ver gabear ese rapaz, tal que un mono, por unha parede enriba e non quixera ser eu o home da karateka un día no que esta se enfadase e se puxese a dar berros. Disimúlenme se o comentario non é pertinente e entra en calquera das categorías hoxe tan deostadas e perseguidas polo puritanismo reinante...algo asfixiante, por certo.

Do que máis me chamou a atención, non obstante, foi a capacidade expresiva dos atletas e atletos, das gimnastas e dos gimnástos, dito así pra compensar o anterior: lanzaban o martelo a non sei cantos metros e orgullosos e orgullosas manifestaban o seu contento: Aaaghhh.!!! berraban mentres apertaban os puños e antes de arregañar os dentes. Ata os houbo que berraban aaaaagh dúas vces. O mesmo sucedía co lanzamento de disco, o mesmo cos dous metros de salto de altura e ata non sei se a nosa Ana Peleteiro expresaría así a súa satisfacción logo dese seus case que quince metros. Coido que non, a esta rapaza o que lle sobra é capacidade abonda como pra chamar ás cousas polos seus nomes e de paso ir poñendo a algúns nos seus sitios; é dicir, no seu lugar descanso.

En todo caso ser é unha marabilla o moito que se está simplificando todo. Eu mesmo que me prometín non botar nunca man deles estou utilizando emoticóns cunha frecuencia inusitada. Que unha filla me pon un WhatsApp pra me dicir calquera cousa? Pois respóndolle cun corazonciño, cunha flor ou mesmo con esa man co seu dedo polgar en riste que tanto pode querer dicir moi ben, como pistonudo, de acordo ou vai ti saber que. Os emoticóns son coma algúns verbos ingleses ou coma algunha palabra nosa, por exemplo aquelar, utilizada a miúdo cando non temos nada millor que dicir e necesitamos que todo nos que, que sei eu, moi aquelado.

Ser foi maxistral ese berro das atletas e mesmo o dos atletos: non se pode dicir máis con menos. Aaaagggghh! ou Gruuuughhh”, dependendo dos acentos e das zonas de procedencia, acadando grazas a elo as proximidades daquela fracasada arela que se chamou e aínda se chama esperanto, a lingua bela e internacía. Uns poucos anos máis e todos convertidos en algo moi próximo a aquel personaxe de Molière, ó burgués xentilhome, que falaba en prosa sen sabelo; pois nos o mesmo e definitivamente integrados no mundo animal. O ruxido dun león interpretado perfectamente. Ou o dun elefante, se o deportista barrita. Ou dunha panteira se impla, dun corvo se grazna, dunha cigoña se crotora e así sucesivamente, ata chegar á risotada dunha hiena, pois todos eles se dan por enteirados e son coñecedores do que teñen que facer: botar a correr acto seguido cara os espectadores da fazaña. Tomen nota. Se un lanzador de martelo polaco nos di Grrrgh logo dun seu magnifico lanzamento, pois xa sabemos que onde as dan tamén as toman e que o prudente ha ser poñer terra por medio. Ah de cousas que un aprende vendo a televisión!

O outro día lin, porque un aínda conserva o vicio, que unha presentadora da televisión, cooptada que foi nun principio como gran contadora de chistes, vendeu vinte e tantos mil exemplares dun libro, en menos dun mes. Sucedeu así porque deu por escribir, sesudamente ó parecer e con todo dereito grazas a unha triste experiencia previa, sobre as relacións existentes entre as emocións negativas e a aparición de procesos canceríxenos. Non se levan vendidos tantos de ningún texto de Wilhem Reich, do galego de Dobrzanica, na Galicia polaca, discípulo de Freud e definidor do orgón, postulador que foi de que o cancro sobrevén cando se perde o acceso á esperanza. Poucas palabras e emocións elementais. Andamos de regreso ás orixes. A nosa é unha sociedade que danza e canta e que o fai, curiosamente, logo de ter perdido xa case que por completo a relación coa natureza. O problema, se é que este aínda non o é, ha ser cando se confirme, aínda máis do que xa está, o cambio climático e o planeta se defenda da continuada agresión ó que leva estando sometido ó logo dos pasados cento e pico de anos. Que será entón de nós chegado o caso? Poderemos seguir danzando, bailar é outra cousa máis seria, poderemos seguir berrando, pois cantar é algo que require harmonía e ritmo, e poderemos seguir resumindo as nosas emocións en berros guturais e seguir lendo libros escritos por xentes que ignoran conceptos elementais malia que sexan grandes contadores desas breves historias que denominamos chistes.

A cousa non é de agora, debeu comezar cando os celadores dun psiquiátrico puideron chegar a dirixilo. Resumese agora cando no gran manicomio universal todo se transformou en dereitos, por exemplo, a beber en manada en tempos de pandemia. Así que se aveciñan cambios cando aínda non se decantou que clases de cambios son os que se han producir. Algúns cremos estar convencidos de que o nin o neo capitalismo salvaxe nin o comunismo chinés sexan portos de arriba gozosa. Forzosa pode que si, exenta de gozo e disfrute ningún. Entón o mundo será definitivamente triste. que haberá que aguzar o inxenuo ou como cantou Antón Reixa hai xa ben anos, estamos en guerra, convén reflexionar.

Te puede interesar