Opinión

Sobre escritores e criterios pequenos

Morrendo agosto, un mal editor maior -que seica non pode beber gasosa porque disque lle produce flato, cando menos se lla serven como apelido literario- referíndose a Gonzalo Torrente Ballester dixo que, nalgún momento e pra reflectir a tentación feixista dos intelectuais durante a República, dubidara entre Javier Mar¡ño, de GTB e o Leoncio Pancorbo de José María Alfaro. Logo afirmou que se decidiu pola segunda novela porque a súa maior sutilidade ideolóxica faina, no seu entender, máis significativa; malia que considere que “Torrente es un gran escritor menor”.

Non lle falta razón, cando menos dende un punto de vista ideolóxico. Mesmo pode tela, non serei eu quen lla negue, dende o literario. Javier Mariño non é unha boa novela. Mesmo diría que é mala, ou que a min non me gustou cando a lin. Tamén diría que, cada vez que me da por reler “Jose Antonio Primo de Rivera (Antología) Selección y prólogo de Gonzalo Torrente Ballester” terceira edición de Ediciones FE, 1942, entendo porque GTB, que morreu en loor de democracia, no fondo do seu ser, alá onde hai que tomar posturas acerca do divorcio, do aborto, da eutanasia e deses outros temas aínda hoxe tan candentes que vostedes deduciran sen maior esforzo, no fondo da súa conciencia, seguía sendo, moi pero que moi conservador e non moi alá demócrata. Por dicilo dun xeito ó que me obriga o afecto persoal que sentín por el, non o ideolóxico. Pero aproveitar a postura ideolóxica dun escritor pra relegalo a esa miserable definición de “gran escritor menor” sitúa ó autor do improperio a carón dos que ignoran a obra de Risco en razón da catolicidade do autor e das posturas adoptadas logo da contenda civil, pero tamén á dos que renegan da obra de Cunqueiro e de tantos outros mentres silencian ou xustifican a de tantos afectos a outras congregacións laicas, eclesiásticas, de orientación sobradamente coñecida. A ese mal editor maior teríalle máis que chegado con dicir que a obra de Gonzalo Torrente Ballester non lle gusta. Entón ninguén lle diría nada. Pero dicir o que di do autor da “Saga/fuga de JB”, da “Isla de los jacintos cortados” ou por poñer outro exemplo do “Don Juan” (que por certo tampouco me entusiasma) ou de “Los gozos y las sombras” que non me aguantou unha segunda lectura, non deixa en moi bo lugar ó autor de descualificación tan contundente. GTB é un gran autor maior cuxa lectura, entre outras cousas, ten o poder de aprenderlle a arte de novelar a aqueles que se queiran iniciar nela.

A pregunta que lle formula Héctor J. Porto, autor da entrevista a editor tan sagaz e mal acostumbrado, entrevista da que se veñen extractando os entrecomiñados anteriores, ofrecese como definitoria e clave: “¿Es posible que esta lista sea sobre todo un retrato de B. como lector e editor?”. Non parece inocua a preguntiña. Os cincuenta e cinco títulos de obras literarias do século XX, cualificadas como “definitorias” do tempo no que foron escritas, definen non só ó editor e lector, senón tamén e moi probablemente á persoa.

Ó día seguinte da publicación desa entrevista e no mesmo xornal Adolfo Sotelo, catedrático de Literatura na Universidade de Barcelona, encaixa perfectamente os prexuízos cos que GTB valorou a obra de Emilio Pardo-Bazán. Logo de facer un pequeno recorrido pola biografía intelectual do autor ferrolán recorda a opción de este por Juan Valera e Menéndez Pelayo (faino na súa “Literatura española contemporánea, 1898-19369”) fronte a Clarín e a Pardo-Bazán cuxas ideas “propenden a la modernidad”: “Clarín, librepensador, se manifiesta repetidas veces más conservador que la ilustre coruñesa”; é dicir, se non o entendemos mal, máis dixerible, moito máis, que a de Doña Emilia de GTB movida “un poco por convicción otro poco por escribir como un hombrecito” e pendente sempre da súa “dificultosa virilidad intelectual”. Adolfo Sotelo non desautoriza ó autor, non fai desmerecer o seu traballo literario posterior, non fai ideoloxía, malia que el persoalmente a teña e a defenda, non a fai por conta do novelista. Porén sitúao nunhas coordenadas históricas que marcan, ó entender de quen isto está a escribir, non unha evolución ideolóxica total, considerada a partires das folgas de Asturias dos anos 60, que el apoiou, folgas polas que padeceu o abandono e a desprotección do réxime ó que servira dende o aparello de comunicación do goberno de Burgos, pero si a adopción dun novo e non podo valorar se inesperado xeito de concibir a realidade social. Foi así como GTB chegou a Pontevedra; así como se enfrontou ó Padre Luís, aquel franciscano musicólogo, algo golfo e un pouco trabucaire; así como marchou ó Estados Unidos fuxindo desta realidade e así como encetou a elaboración dunha obra literaria que permiten consideralo, si, como o gran escritor que foi e do que, literariamente, tantos aprendemos. Ós escritores hai que xulgalos polas súas millores obras, non polas peores... que adoito resultan ser bastantes máis das necesarias.

O feito de considerar a GTB un gran escritor menor

Te puede interesar