Opinión

De lecturas e autores

Mal asunto cando unha editorial delega nos lectores o traballo de selección que implica obter uns autores de referencia. Antes, cando os comerciais non decidían nada na dirección editorial limitándose a favorecer a venda dos libros resultado da escolma do director literario, entón, o lector permanecía atento y fiel ós libros procedentes das editoriais da súa confianza e tiñan garantía da súa calidade porque podía gustarlles ou non algunha das novelas de determinada colección, pero sabían que aínda non gustándolle acadaba os mínimos necesarios de calidade literaria. Iso era antes.

Agora a editorial publica libros sen maior criterio que o de estar avalada a súa produción por unha subvención ou pola coincidencia de varias institucións cuxas axudas monetarias fan viable a súa edición sen maiores consecuencias, pero sen lograr evitar unha e fundamental: a de que, a forza de ler bodrios que non deberan ter superado as lecturas do persoal propio, delegou ese traballo no lector (que paga por ler, mentres que o editor cobra por facelo) ata que aburrido deixa de mercar os libros desa colección así de desafortunada. Peor aínda se o que abandona é a lectura dunha lingua que se esvae.

Presumín sempre de ser un lector atento á produción literaria propia pero, seguindo o camiño acabado de describir, pouco e pouco fun abandonando esas lecturas “militantes” causantes de tanto e tanto aburrimento, de tanta e tanta frustración. Menos mal que teño a inmensa sorte de ter de man un libreiro atento que, de cando en vez, me ofrece un libro escrito por xente de nós. E iso sálvame. Podo falar de estar ó día na produción literaria que nos é máis propia e podo seguir gabándome de non escatimar un eloxio dirixido a este óu aquel texto, a este ou aquel libro de contos, a esta ou aquela outra novela.

Acabo de ler un magnifico libro de contos e podo disfrutar agora do pracer de recomendarllo ós meus lectores amantes da boa literatura, da literatura entendida coma un arte, do escritor entendido coma un artista da linguaxe porque, a maiores, de ser moi interesante o que nel se conta, está moi ben escrito: neste libro a súa autora sabe manter un ritmo, unha secuencia narrativa propia, dotando á escrita dun aire coma de brisa que non inquieta senón que da sosego e calma. O libro, unha colección de relatos curtos, titulase “Retratos en branco e negro”. A súa autora chámase Charo Pita e o primeiro medio cento de páxinas son un prodixio ó que xa non estabamos afeitos. Os noso grandes contistas, non fará falla que lles dea nomes, pódense dar cun canto nos dentes con ter dous contos excepcionais en cada un dos seus libros de relatos. Charo Pita ofrece cando menos unha decena, algúns opinarán que unha ducia, de relatos redondos. Saudemos, pois, a aparición deste libro e celebremos que de vez en cando se escache a monotonía editorial á que vimos sendo acostumados. 

Te puede interesar