Opinión

Lecturas de setembro

Tempo de lecer, tempo de lecturas. No seu transcurso, setembro levouse con el o tempo grato que a lectura nos brindou. Comezou ese tempo recordable neses termos de pracer lector ou, como subscribía o Casares no seu momento, de ledicia de ler; comezou, dicíalles, co novo libro de Olegario Sotelo. “O neno pastor que venceu ó lobo” algo que de contado enxerguei con outro tamén seu e moi recordado: “Quintela de Mazaira. Terra e Xente”. Convén lelos, ós dous, tal como eu o entendo. Son dous libros importantes.

Os libros teñen a importancia que se lles dea; ou millor aínda, a que se lles recoñeza. Pero os libros considerados “importantes” teñen nalgunhas ocasións algo máis, algo que pra min é esencial, o poder consideralos aportantes. Estes dous libros de Sotelo Branco son aportantes e ese recoñecemento que non ten que ser colectivo e relacionable co anterior depende de cada individuo pois é o lector anónimo o que aproveita a lectura facéndoo dun xeito que lle axude a se construír ou mesmo tamén a se reconstruír como persoa pertencente a un tempo e a un lugar; cal é o caso destes dous dos que lles falo.

Máis tarde púxenme a ler “Os corpos dos Romanov” de Alberto Ramos, un libro editado por Galaxia, por esa sociedade sen ánimo de lucro que, en tempos, sempre foi algo máis ca un editorial e que agora leva un tempiño no que mesmo se nos ocorrería pensar dela que xa o é algo menos. Cheguei a ese libro levado da man dunha entrevista na que o autor respóndelle -a quen o entrevista (a Sabela Iglesias?) na revista Praza.gal- a unha serie de cuestións ás que non moitos dos nosos colegas, del e máis de min, estarían dispostos a responder coa precisión e claridade coas que o fai o autor deste novela que se le dunha sentada. Como xa vou vello, xa son moi maior e se me poden desculpar algúns excesos, atrevereime a dicir que este rapaz (élles moi novo aínda) vailles por moi mal camiño: escribe moi ben e fala moi clariño; non creo que llo perdoen. Pasemos a outra cousa. A resposta que se lle da ás súas palabras indica por onde van ir os tiros. O afectado por elas argumenta que o autor de “Os corpos dos Romanov” é moi feo. Manda carallo n’A Habana! E millor deixámolo aí que se me quentan os motores; ou sexa, pasemos,

Por fin outro libro doutro autor galego, o gañador que foi do Premio Eurostars de Narrativa de Viaxes. Non lles direi o título pois o que figura no orixinal presentado ó premio non me gusta moito e ó millor van e llo substitúen. O autor élles Xesús Fraga e a viaxe que nel se describe transcorre todo ó longo do noso rio Miño, do Pai Miño que dixo del o tamén noso Otero Pedrayo. Teño gañas de ler as críticas que lles fagan os que si saben facelas; eu limítome tan só a dar noticias manifestando o contento que tales libros me producen. Neste mes que agora acaba non lin moito, a vida ás veces complícase e acorda levarte por camiños cos que non contabas, camiños carentes de atallos. Deles falaremos outro día, se acaso.

Te puede interesar