Opinión

Levantaremos cabeza dunha vez

Veño de ler que a auga vai custar un sesenta e cento por cento máis do que xa custa. Non é boa noticia. Mentres tanto disque electricidade seica vai custar un douscentos por cento do que xa custaba non hai nada e que a tal tarifa vaise manter, cando menos, deica o ano 2024. Logo xa veremos. A banca, ese servizo público que funciona grazas ó diñeiro alleo, anda a pechar as súas sucursais de xeito que os seus clientes, tamén chamados impositores, xa ten graza, han ter que se ocupar en solucionar os seus asuntos eles mesmos, resolvéndoos, vía Internet, nas súas casas e de balde.

Farano a través das súas computadoras, que hai que mercar e que hai que manter, amén de aprender a manexalas e de logo dedicarlle un tempo que o banqueiro non vai retribuír, pero si aforrar facéndoo, aforrándoo, ó mesmo tempo que se aforra o soldo do empregado do que prescindiu unha vez que o substituíu por ti, coitadiño “cliente”.

Hai bastantes máis exemplos coma estes tres que lle están a dar a volta ás nosas vidas, ás dos máis dos habitantes deste país que non se da endereitado. Falo do total, de España, porque se o fago só do noso a cousa aínda se nos pode complicar algo máis. Erradicada a agricultura en gran parte -agora o que máis se cultiva, a maiores do viño, é o millo pra forraxe- deteriorada a pesca de baixura, a medio gas os estaleiros que aínda restan, complicada a existencia das fábricas da nosa costa cántabra e paro... por si me da chorona.

Que pasará se os prezos se disparan a partires da suba da auga e máis da electricidade é unha pregunta que pode producir congoxa. É moi de temer que os soldos non vaian subir, nin moito menos, nunha porcentaxe equivalente. Se a diferenza entre un litro de auga embotellada e un litro de leite é hoxe a que é, cal será á volta dun ano? Que pasará co prezo dos combustibles fósiles, eufemismo, pero a fin e ó cabo eufemismo da gasolina que serve pra transportar os nosos produtos, agora mesmo, cando xa están faltando camioneiros que se ocupen en distribuír as nosas mercancías por todo o territorio do Estado ou polo resto da Unión Europea? Por outra banda: Seguirannos atendendo por teléfono os médicos ocupados na Atención Primaria?

Resumindo, levantaremos cabeza dunha vez ou seguiremos baixándoa? Pregúntase porque xa saben que canto máis un se agacha máis en perigo está de que se lle vexa o que non se debe amosar. Moita xente, chegada ese terrible momento da exhibición impúdica da desvergonza nacional xeneralizada pode chegar ás conclusións que se chega cando xa non hai moito que perder. Que é entón o que se pretende? Que extremadas as condicións de vida veñan a arranxárnolas as ideoloxías máis extremas dun lado e doutro do espectro político? Están xogando con nós e iso é o mesmo que estar xogando con lume. Esperemos non nos queimar todos demasiado.

Te puede interesar