Opinión

Libre, lóxico, ético

Sempre pensei que fora cousa propia de Solón de Atenas, pero a vida foime desenganando porque uns din que o foi de Sócrates, outros que de Pitágoras e de tres ou catro máis que, agora mesmo, non recordo. Tampouco podo afirmar que estea inscrita no pronaos de Apolo, en Delfos, en razón de que nunca pisei Grecia e, polo camiño que levo e nos anos nos que ando, o máis probable, diría máis ben case que seguro,é que nunca vaia alá, a Grecia. Non me importa. Acaso debera importarme marchar de eiquí cunha dúbida máis?

Ó falar dunha cousa propia de tanta e tan importante xente estoume referindo, precisamente, e esa máxima que figura no citado templo de Apolo: “Coñécete a ti mesmo”, reza a consella. Confeso que levo aplicándome nelo cáseque tantos anos coma os que teño e como se nada. Ó máis que levo chegado non é a coñecerme ben, con tanto como lles dicía que me levo aplicado, pero si a falar a falar sempre a partires de min e da miña experiencia vital, tan probe pra algúns como intensa e vizosa pra moitos outros.

Porén dáme reparo, diría que moito reparo, en falarlles hoxe dun libro que ando a ler. Trátase dun libro insólito, tan insólito coma ousado e desprovisto de prexuízos intelectuais, tan arredado da mediocridade ambiente e de lectura lenta, salferida por iluminacións que só un filosofo ou un poeta son quen xerar. O libro é filosófico, certamente, pero tamén é poético e as súas páxinas transcorren, e así as podemos contemplar, recorréndoas a modo, cheas de literatura, algo que nestes tempos ocupados por influencers, tuiteros, instagramados e outras especies engadidas constitúe un verdadeiro atrevemento. O libro do que lles falo titulase “Dados blancos” editouno Caballo de Troya e ven sendo da autoría de Alfonso Pexegueiro.

Non sei como acertar chegada a hora de proporlles ós meus lectores a lectura deste libro insólito e fermoso. Ó furar Pexegueiro no seu interior faino de paso no interior de todos nós seguindo unha máxima que non figurará en ningún pronaos de ningún templo pero que bota luz sobre os camiños que o autor quere recorrer: “Convertir la angustia en esperanza, ésa es la libertad que amo”, escribe nalgún momento.

Debe ser certo. Segundo vai avanzando o libro esa liberdade comeza a afectarnos e, sendo conscientes de toda canta continxencia o autor sinala no noso nome, no nome da humanidade enteira, si, é certo que pode ir aboiando a esperanza pois a escrita de Pexegueiro é un exercicio desgarrador que nos arrastra tras el, malia que o autor nos avisara dende un comezo, pondo continuamente en práctica un exercicio que proclama: “Sólo siendo libre puedo ser lógico./ Sólo siendo lógico puedo ser ético./ Sólo siendo ético puedo ser libre”. Léano, Pexegueiro non ocupa o lugar que merece no noso mundo literario. Arranxemolo léndoo.

Te puede interesar