Opinión

Malraux, no bo sentido da palabra

Hai xente que cando se equivoca establecendo parangóns, por exemplo, dicindo dunha moza que é máis puta cas galiñas, recúa advertindo que sí, que lle chamou puta, pero que foi no bo sentido da palabra. Evidentemente eu non son André Malraux; nen sequera no millor sentido do parangón feito.

Pra empezar, non odio a miña nenez. Desexaría que tivese sido outra, pero teño pra min que non vai poder ser. Asúmoa. Parte dela trancorreu en Ourense, na casa da miña avoa. Xa o saben os que andan a me ler, nestes dominicais días, cando estas páxinas e as horas que nelas se describen, transcurren polo Ourense que pretenden evocar. Non recuperar, evocar tan só.

Fernand, o pai de Malraux, foi axente de bolsa e toleaba polos aparellos mecánicos e máis polos inventos raros. Abandonou á nai de André, casou de novo, tivo outros dous fillos máis e logo suicidóuse. André sempre viveu ben, sen apuros. Nunca foi o que na primeira década do franquismo se coñecía coma un probe vergonzante.

Meu pai foi galeguista, dos de carné emitido no 1932, o que lle costou a súa vocación de médico que nunca puido levar a cabo, exercéndoa como era debido, e na miña casa non se vivía como se viveu na dos Malraux, nin moito menos. Non abandonou á nosa nai. Foi un bo pai e un bo esposo. Non se suicidou. Fóise cedo, sí. Levóuno un cancro de páncreas que fixo boa a afirmación de Wilhem Reich de que o cancro sobrevén cando se perde o acceso á esperanza. Nada que ver o un co outro.

André Malraux, pasou a nenez nun distinguido suburbio parisien, o de Bondy, na compaña da súa nai, da nai desta e máis dunha irmá destoutra. Coido que serían unha nenez e unha adolescencia doces. Cando menos así o fan supor o barrio no que vivían e o feito de que rexentasen unha pastelería.

Miña avoa era do réxime e alí sí se podía vivir un pouco millor que na casa dos meus pais. Quedara viuva do meu avó materno, que foi radical socialista dos de Esquerda Republicana e lle deixara estragado o seu patrimonio familiar. Por lles dar un dato: a primeira fazaña del, recén casado, foi a da incitar á folga os obreiros das fábricas… do seu sogro. Morreu antes do 36. A miña avoa non tiña pastelería, pero gustaba moito do cocido tal e como nos gusta ós de Ourense; xa saben, con garabanzos e fabas, con galiña e boa carne de vitela, con esto e máis con aquelo outro; nada que ver, como doadamente se infire.

Por outra banda, e no tocante ó de Monsieur André e máis eu, debo deixar ben claro que nunca me adiquei á pornografía. Iso foi o que fixo o que habería ser ministro de cultura de Francia. O máis pornográfico que fixen eu na miña vida posiblemente fose subtitular un recente libro como “69 poemas de amor”. Pero ese 69 atinxe ó numero deles, como pode non ser tan obvio, pero así é. Tamén se refire ós anos que eu tiña cando os escribín. Se se me apura moito deberei recoñecer que o que a edición que os contén sexa bilingüe poidera ter algo de tal. Pero hai que apurar moito pra chegar a pensar así.

Tampouco non fun nunca un dandy, como Malraux; algo estirado sí, como me sinalou unha vez Victor Freixanes que éramos il e máis eu. Malraux si foi un dandy. Alá polo 68 –polo 68 que Malraux deostou; eu non, senón que andei na lideira que se formou en Compostela- Luis Mariño que si o foi, que si foi un dandy, reprochóume que eu vistise coma un burgués. Entón preguntéille cánto lle costara cada unha das prendas que calzaba e vestía no momento. Cando ía polas trinta mil pesetas, pidinlle que parara pra pór no seu coñecemento que o traxeiño que eu vestía, mercado co meu primeiro soldo de mariño, non chegara ás tres mil pesetas. Malraux tivo unha vocación militar da que eu carecín, tendo como tiña ó lado a Escola Naval Militar de Marín. Monsieur André Bretón foi tenente coronel na nosa guerra civil. Eu son fixen as prácticas de oficial na mariña civil. Malraux foi un gran escritor, eu tampouco.

Malraux foi un gran ministro de cultura de Francia, no goberno do xeneral De Gaulle. A mín gustaríame saber qué tería feito de contar cuns orzamentos equivalentes ós que dispuxo a Consellería de Cultura, entre os meses que foron de finais do 87 ós primeiros do 90. Podo recitar de corrido o que sí fixo nese tempo o equipo que dirixeu a nosa consellería de cultura, máis tendo en conta o que tal anda a facer nestes días e leva feito dende entón.

Malraux tratou con líderes como Mao Zedong, John F. Kennedy y Jawaharlal Nehru. O daquela conselleiro limitóuse a facelo con Alfonso Guerra, Felipe González, Raúl Alfonsín, Fidel Castro ou Manuel Fraga e González Laxe ó que sigue consideirando o millor presidente do país que temos disfrutado, tods estes por citar uns poucos, pero hai máis, claro que os hai. O francés tratou con Pablo Picasso, Marc Chagall, Georges Braque, Maurice de Vlaminck, André Derain, Fernand Leger, Jean Cocteau, André Gide ou Max Jacob, o conselleiro fixoo con Ramón Piñeiro, Blanco Amor, Isaac Díaz Pardo, Laxeiro, Colmeiro, Rei de Viana, Groba, Filgueira Valverde, Torrente Ballester, Casares ou Cela, e unha longa nómina de intelectuais e artistas, de políticos e de xentes significadas que, sí, carecen do recoñecemento internacional do que disfrutaron Malraux e os seus amigos e coñecidos, pero que tamén son donos, cada un deles, dunha obra e dunha vida que resiste calquer comparación coa do conxunto dos que disfrutou Malraux. Fáltalles o recoñecemento. Pero non a obra. E eu hónrome neles e máis nas súas memorias. E hónrome no meu país e no labor que o equipo que a dirixeu desenvolveu na consellería no periodo que xa quedou citado. No referente á miña obra literaria aí está pra quen queira xuzgala, a favor ou en contra, con prexuicios ou sen eles. Nin aqueles han facela pior, nen estes han millorala. Tanto unha cousa coma outra importanme tanto como me importaría de non ter superado a esrtancia hospitalaria de haí xa un ano e pico. Imaxineno.

No tocante á conselleira e por se me equivoco ou minto, búsquese nas hemerotecas o feito en contenedores culturais durante ese tempo; no Diario de Sesións do Parlamento de Galicia, as leis e os decretos-lei, tamén as ordes de creación deste organismo ou daquela institución que foron promulgados no devandito periodo e, finalmente, consúltese no Diario Oficial de Galicia todo o que nel se publicou nese periodo orixinado dende a consellería parangonada co ministerio de Malraux. Digoo por se, nalgún momento, fose eu parangonado con el no bo sentido da palabra.

Te puede interesar