Opinión

Manolo Quintana no MARCO

Vexo en Vigo, no MARCO, que é un idem moi acaído pra unha mostra de pintura, a última de Quintana Martelo. Sucede que os máis do cadros do gran pintor que é Manolo Quintana carecen del, carecen de marco, e nin falta que lles fai.

Cando eu era rapaz, in illo tempore..., o gobernador civil apelidábase Albert e era o pai de dous compañeiros nosos do Instituto do Posío; tío dun outro e tamén noso compañeiro, asturiano el, hoxe médico prestixioso e prestixiado en Cantabria, gastrónomo de recoñecida solvencia e gran amante do arroz con leite...cando menos daquela, non sei hoxe cando inxire substancias moito máis suculentas.

Entón o Poncio, que así lle chamaban ó gobernador ós máis próximos da súa corda, ía a Vigo algúns domingos nos que o Celta xogaba en Balaídos. pasando por Ribadavia e pola Cañiza, tiña máis que ver co paso de Aníbal polos Alpes, montando nun elefante, que o paseíño que supón pasalo hoxe. Podía levar horas. Duyos, que así era o primeiro apelido do sobriño do gobernador, foi algunhas veces e logo nos explicaba que o chofer do coche oficial era quen de conducir marcha atrás a cen quilómetros por hora. Non eramos quen de imaxinar a que levaría conducindo como está mandado.

Recordo estes extremos por razóns que me conmoven e vou ter o pouco poder de llo confesar a vostedes, meus lectores, a saber: primeiro, porque a partires de hai uns días podemos poñernos en Madrid en menos de dúas horas e media; segundo, porque iso nos levaba ós ourensáns ir ás praias da ría de Pontevedra non hai aínda tantos anos e, terceiro, porque a maiores de porque agora se poida acudir ás praias de Vigo e máis ás de Pontevedra en menos tempo, tamén se poderá ir ó MARCO vigués, ó Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, pra contemplar a grandiosidade dunha mostra de pintura que, se os galegos dispuxésemos dunha sociedade civil ilustrada, punteira e culta, moito estaría dando que falar en toda España.

Pero sómoslles así e xa me gustaría a min poder manifestar en alto as ilusións que adoito facerme, polo baixo, cando soño un país co que, miren, xa me vou conformando se as Tanxugueiras acadan a representarnos a todos neso da Eurovisión e aproveitan pra berrar ben alto a nosa e deica hoxe inefable condición.

Digo isto recordando a Risco, algo que veño facendo dende hai uns días e posible ha ser que o continúe facendo aínda un par de semanas máis. Recordo que dixo o noso escritor, o mesmo Risco que entre outras moitas cousas ilustrou os debuxos de Conde Corbal, aquelas pequenas xoias publicadas neste xornal baixo o título de “O Ourense perdurable”; pois dixo que “o arte que non revela nada é pura técnica”. Moito pensei nesto mentres recorría as salas do MARCO, contemplando a mostra de Quintana, consecuencia dunha técnica depurada, que continuamente nos está dicindo cousas, entre outras, quen somos e que facemos. Deberían ir vela.

Te puede interesar