Opinión

As medidas do inferno e do paraíso

Por estes mesmos días de agosto do 1988, Miguel Torga andaba polo Algarve, se é certo que a Oura na que localiza o escrito no seu “Diario” o día 10 deste mes é a da praia da Albufeira; que creo que si que o é; ou sexa, que estaba no Algarve.

Ese mesmo día escribiu: “Falta pouco. Amanhâ já estarei de volta ao Portugal verdadeiro que aínda nos resta, e que tantos porfíam em tornar igual a este que me corta o coraçâo. Temos aquí a imaxem eloquente do que serâo as outras provincias nacionais quando a Europa as comprar. A cegueira dos nossos governantes! Nem com o exemplo do Algarve aprendem a amar e a preservar a pátria”.

Adolfo Correia da Rocha tería hoxe uns cento quince anos. Nacera en São Martinho de Anta, en Trás-os-Montes, foi médico baixo ese nome, pero como escritor asinaba Miguel Torga. De vez en cando torno á súa lectura e sempre gusto recordar que era da mesma nación cultural que esta á que eu pertenzo, a que vai dende Ortegal ó Miño e dende este ó Douro, formando dúas nacións políticas distintas que, pouco e pouco, van disolvendo un xeito de habitación do mundo e iso, a min, moito é o que me entristece. Quen de nós non se entristece ó recordar a Galicia de non hai aínda tanto tempo, a máis de nós, a mesma que tantos porfían en tornar a esta que, como a Torga, nos encolle o corazón. 

En Oura tivo Torga a imaxe elocuente do que serían as outras provincias portuguesas cando Europa as mercase. Nós xa estamos a contemplar a imaxe resultante da que, senón cando non é a requirimento de Europa, a ela nos leva a cegueira; ou a irreflexión; cando non a estolidez dos nosos gobernantes.

Uns días antes, o 2 de agosto dese mesmo ano do 1988, estando tamén en Oura, Torga escribiu: “O que fizeram deste Algarve! Sò falta que lhe conspurquem tambén o sol. Tinhamos aquí un paraiso à nossa medida. Temos agora un inferno à medida dos outros”. Calquera diría que non o temos xa a man, o raio dese inferno, vendo como ardemos nestes días pasados... e o que che rondarei morena.

Andaremos nós, os galegos, a consentir que aquel paraíso que foron as nosas rías deveñan nese inferno feito á medida doutras xentes? Que ninguén pretenda vendernos que esta de agora é a que nos da cartos e mellora o noso nivel de vida porque non é así e, a maiores, o turismo adoita ser, con demasiada frecuencia, pan pra hoxe e fame pra mañá. Pero así e todo é posible atraelo sen que por iso teñamos que estragar a paisaxe da nosa infancia, a riqueza agrícola e gandeira que enchía o val de Laza de miles de cabezas de gando vacún, en proceso de ceba e engorde antes de ser vendidas a Europa, e, coma esa, outras moitas realidades que sería oneroso enumerar.

Ou é que pra ser unha potencia madeireira teñamos que manter máis eucaliptos nos nosos montes que os que ten Australia en toda a súa extensión? En vista delo, cantos anos máis aínda precisamos pra que os incendios nos deserticen? Canta obsecuencia nos queda pra asumir desculpas coma a dese edil de Baiona a Real que se desculpou logo dunha intervención pública en galego, realizada por un actor galego, nunha vila galega, nunhas festas galegas e nunha das dúas falas oficiais ó acado da nosa cidadanía? 

É que aínda non caemos na conta de que a preservación do noso propio modelo lingüístico, ó igual que o arquitectónico e monumental, non só non vai en detrimento da economía subsidaria do turismo senón que mesmo a incrementa? Porque razón nós non mantemos os nosos pobos costeiros coa mesma integridade e beleza arquitectónica decantada ó longo dos séculos que a que se pode contemplar por exemplo na costa amalfitana, na ligur ou en calquera outra Europea ben sexa italiana ou francesa, xermana ou finlandesa. Pois o mesmo coa lingua e con todo.

Non reparamos aínda no feito de que cidades que foron derruídas polos bombardeos da Segunda Guerra Mundial foron de novo levantadas en consecuencia coa súa historia, a súa tradición e a súa paisaxe. Ocorreráselle a algún edil gaditano desculparse publicamente diante do seu electorado dirixíndose ós visitantes porque as chirigotas utilizan unha fonética e un idiolecto incompresibles pra os máis dos seus visitantes? Eu entre eles.

A que xogamos? Que traumas históricos, familiares ou propios da adolescencia perduran nas nosas mentes que consentimos e aceptamos resignadamente a nosa conversión nun país de hosteleiros, de camareiros, cando non de coidadores de eucaliptais, que nen sequera son de propiedade española non poucos deles, o que xa é o colmo do disparate.

O 13 de setembro dese mesmo ano, estando en Verín, Torga escribiu no seu “Diario”. “A Espanha sempre amada e sempre temida. Aquí ando, mais uma vez, maravilhado e aterrado, a vê-la progredir, progredir, e aproximar-se ameaçadora da fronteira. O meu iberismo é um sonho platónico de harmonia peninsular de naçôes. Todas irmâs e todas independentes. Mas é tambén uma paixâo escabreada, que arrefece mal se desenha no horizonte qualquer sinal de hegemonia política, económica ou cultural. Que exige reciprocidade na sua boa fé e nos seus arroubos. Que quer a penas comungar fraternalmente num mais largo espaço de espiritualidade”.

Xa nos vai chegando coa admisión de ridiculización do noso acento ou da nosa lingua e a suxerencia de que outros acentos e outras variables fonéticas son preferibles ás nosas. As linguas non son inimigas doutras linguas, a estolidez, a ignorancia ou a obsecuencia amosada por ese membro do concello de Baiona si que o son do progreso e da concordia como tamén o é a aceptación submisa dun modelo de país que nada ten que ver co noso, con aquel que algúns aínda recordamos cando todo era esperanza. Deberíamos ir regresando a el; a el e á esperanza.

Te puede interesar