Opinión

Na rede

Hai algúns días, non moitos, algúns de vostedes aínda o han recordar, falei eiquí de Jacques Le Goff. O mesmo non foi eiquí senón noutro sitio, pero se así for, saberán desculparmo. Cousas da idade provecta na que este individuo se nos aventura, poderán dicir.

Jacques Le Goff, recórdollo, foi un eminente medievalista francés do que eu lera un libro no que se documentaba a aparición, no século XII, da crenza do Purgatorio. Tiña eu algunhas dúbidas e, antes de meter a zoca, recorrín a unha desas webs (ou como se chamen) nas que saben de todo e todo o mundo pode facer demostración do seu saber e non só del, senón tamén do seu coñecemento. Fíxeno e saín do paso. Xusto é recoñecelo.

Agora conecto o meu teléfono móbil á rede e unha desas, non sei se academias ou qué, recórdame que tal día andei a fisgar na obra de Le Goff, reprodúceme o título, e ofréceme outra, da que eu non sabía nada; o que non constitúe ningunha sorpresa.

A oferta consiste na obra titulada: “La primera dama del Renacimiento: Isabella d’Este (1474-1539), promotora artística y mecenas”. Agradézollo moito. O que non sei se agradezo é que se saiba, así, sen máis nin máis, qué libros leo, a quen llos compro, canto e como llos pago e que esas cousas as poida saber calquera, si, calquera.

Non é a primeira vez que, o mesmo servidor, me informa de que estou n’O Freixo na casa d’O Pepe do Coxo e me pregunta se quere que informe ós meus amigos de tal evento. Menos mal que non engadiu que o que estaba a facer era dilixenciando tres ostras, das que alí chaman “Emperador” e que por min podíanas chamar “Emperatriz Soraia”, a dos verdes ollos e o sorriso triste. Igual alguén se animaba e alixeirábame o meu semanal orzamento.

Quizás os servizos que prestan este tipo de entes, diríase que maquiavélicos, equivalentes ós que no seu momento prestaron as enciclopedias, deberan ir empezando a ter carácter de empresa pública, sometida a leis e controis precisos, a lindes infranqueábeis e a unha calidade, autoridade e profesionalidade incuestionabeis dos seus redactores. 

De ser así non nos poderíamos andar queixando de todas cantas cousas o facemos. A información da que falo non só non me ofende senón que mesmo a agradezo (as ostras d’O Pepe do Coxo son insuperables) pero imaxinense a de cabritadas que poden producirse en cantidade de casos nos que anonimato sexa necesario. Non é só que a un o poidan pillar en putas, por ofrecer un dato ben gráfico, é que a saúde, a economía, o estado emocional de cada un de nós, pode andar, anda xa, en posesión de desaprensivos e descontrolados que, cada día, poden argallar unha boa sen que nos a penas nos decatemos. Necesítanse medidas, controis e regulación de chivateos.

Te puede interesar