Opinión

Unha noite no cagarrón

Agora que a Ilustración e con ela o seu sistema de valores andan de capa caída, levados que son do vento cibernético, dixital ou informático, si é que nalgunha cousa se diferencian, agora, é bo ser algo retrogrado, algo botado non pra diante senón pra atrás. 

A min no se me ocorre millor cousa pra elo que recorrer a aquel vello rosmón e revoltado que se chamou en vida Schopenhauer que, deixémonos de lerias, o certo é que chegou a coñecer bastante ben o corazón humano, o que é tanto como dicir esas salas interiores do intelecto onde se nos axitan as pulsións máis primitivas e esenciais.

“Todas as mediocridades asócianse e conxúranse continuamente a fin de asfixiar o excelente, apareza onde apareza e como apareza”, constitúe unha das súas afirmacións, un dos seus aforismos máis susceptibles de aceptación e seguimento; agás cando unha nota de prensa, unha pequena reportaxe nos sacude no máis intimo, cando abonda cunha mediocridade pra que todo un universo convulsione e corra perigo de expansión. 

Acabo de ler na prensa do día que un home veu desfacer a súa vivenda, edificada no seu día por el e máis o finado do seu pai, sen máis autorizacións cas derivadas das súas necesidades. Tal derribo foino a denuncia e demanda dunha veciña que, non contenta con que lle botaran embaixo a morada, denunciouno tamén por abusos sexuais.

A xente do lugar respondeu polo acusado e seica a única penalidade derivada desta segunda denuncia foi unha noite pasada no que nos meus tempos de neno se chamaba o cagarrón, ou sexa, nun calabozo municipal. A casa xa non hai quen lla levante. O curioso é que o así afectado, podendo devolverlle o favor a tal veciña, que vive tamén nunha casa levantada ilegalmente, prefire absterse e deixar que a vida flúa. Se unha soa persoa é quen de levantar tal polvareda o que tal non farán varias do mesmo caletre unha vez debidamente consorciadas?

A lectura do texto que describe a actitude e mailo proceder dunha soa e probablemente amargada veciña, levoume a reler a Schopenhauer, en tantas ocasións amargo coñecedor da alma humana, e a lectura das súas afirmacións a considerar se non poucos columnistas capitalinos (enténdase por capitalinos os que escriben nos xornais madrileños) estarán afectados pola mesma doenza que tanto debe facer sufrir á veciña da historia esta que lles resumo. A afectación que leva a denunciar feitos inexistentes ou a tersiverxar os sucedidos, desvirtuar as palabras e acusar indebidamente correspóndelles, diríase que case por igual, a uns periódicos e a outros. Fagan o que fagan e digan o que digan uns e outros, de facerlles caso a ambos, en que situación nos deixarían as crónicas da vila e corte?

Te puede interesar