Opinión

O milagre químico que soña

Moitas veces e mesmo, nalgunha delas, con certa e innegable impropiedade, comentei que a lenda adoita ser máis veraz, admisible e certa, do que o é a Historia. Adoita suceder así nas máis das ocasións nas que, coas millores das intencións, nos está a ser transmitida. a Historia. E xa cheo de soberbia teño comentado que, pola mesma razón, as novelas históricas cando foron escritas con honradez dinnos do pasado ben máis cousas das que nos dín os historiadores. En tales casos, malo é que non me remita a "Os Thibault" a longa novela de Roger Martín du Gard se alguén pretende coñecer as causas da Primeira Guerra Mundial, por exemplo. Non está mal que se relea nestes días, por certo.

Hoxe vou ser aínda máis atrevido que coa Historia pois, a miña soberbia, chamémoslle así, pero vostedes poden cualificala de calquera outro xeito, lévame a considerar que, chegado o canto de definir a vida, ás veces temos intuicións que logo se confirman. Recórdolles a este respecto que, efectivamente, é necesario certo coñecemento, pero que existen dúas clases deste, a saber: o lóxico e mailo intuitivo. os novelistas somos deste segundo... que tamén é coñecemento. Permítome este alarde por dúas razóns; a primeira é que estamos en pleno verán, que vai calor e que, neste estado de cousas, consíntense calisquer parvada que a un se lle veña á caixa das memorias; a segunda é que veño de ler que Roger Kornberg, Premio Nobel de Química, fillo doutro que tal, acaba de dicir que "a xente resístese á idea, pero a vida é só química".

Pois non é por nada, pero hai case corenta anos, cando servidor escribeu "Xa vai o Griffon no vento" permitiuse deixar unha fraseciña que dende entón levo repetido moi a miúdo pois tal cousa sigo pensando. Cal? Pois que "o home é un milagre químico que soña". Sigo nas mesmas.

Que ese milagre sexa obra dun deus ou doutro, que a química se poida alterar, con ou sen a súa axuda; que o corpiño sexa máis efectivo ca consulta dalgún que outro psiquiatra que todos coñecemos...e que si tal e que sei eu, non implica ningunha contradición nin co que di Kornberg nin co que escribín eu, con estes dous dediños furabolos que manexo con tanta esmero poño en facelo ben como imprecisión consigo cada vez que o fago e pouso as súas xemas, ou o canto das súas unllas, na tecla que non lle corresponde.

Así que xa ven o que depara calor tanta, imprecisión e soberbia, sentidiño e afán de estragalo de contado, intuicións certas e sempre, espero que así mo acepten, un enorme respecto pró lector que dera chegado deica este punto e final. Pura química.

Te puede interesar