Opinión

As portas xiratorias

As cousas avísanse con tempo. Quen mo ía dicir a min que, logo de tantos anos, ía coincidir (coincidir non é estar de acordo) con Alfonso Guerra. Pero moito me temo que, nas vindeiras eleccións xerais, el non emita o seu voto a favor do seu partido e que eu tampouco non o faga.

Con todas as reservas, sabendo que estas cousas, as mesmas que os portugueses chaman boatos e nós rumores, adoitan ser intoxicacións mediáticas, infundios, calumnias, mentiras mondas e lirondas, e logo de que unha actual ministra afirmara que “iso das portas xiratorias” sexa falso de toda falsidade, van e envíanme unhas reais ou supostas afirmacións encol de Beatriz Corredor Sierra, a que foi ministra con Rodríguez Zapatero e logo substituíu a Guerra na presidencia da Fundación Pablo Iglesias, precisamente, agora preside Red Eléctica Española a cambio seica de corenta e cinco mil euriños mensuais de nada. Se isto é certo como contemplará a ex ministra da Vivenda a realidade social, dende lugar tan luminoso, non é asunto que non me preocupe.

Estou tan farto de ver probes de solemnidade que son algo máis ca reaccionarios ó respecto dos soldos elevados, e de ver ricos acusados de traidores da súa clase social, todo ó contrario de como me aprenderan a contemplar dende neno o comportamento humano, de xeito que xa nada me sorprende. A maiores a señora ex ministra seica é rexistradora da propiedade e, neste país noso, tales servidores públicos non reciben soldo estatal senón que o cobran dos contribuíntes e resultan ser tan estratosféricos e tan luminosos que pouco podo dicir eu respecto do comportamento alleo.

O que si resulta preocupante é a afirmación dunha actual ministra que afirma que o das portas xiratorias é unha mentira coma unha casa. Non o será, non o é, na maioría dos ex altos cargos. So faltaría. Co número deles que hai neste país, de ter que entrar todos por elas, polas portas xiratorias, habería que restablecer a escravitude cualificandoa dunha vez sen os panos quentes e sen os eufemismos cos que se está a tapar unha realidade socio-económica como a actual. O problema non é que uns cantos ministros cobren moito, o problema é o que iso comporta de submisión a determinados conceptos e concretas actividades económicas que o que deparan é unha situación tan tenebrosa (estamos a falar das empresas que nos fornecen de luz) como a que se está a vivir nestes días. Súmenlle a isto a desfachatez dalgúns e dalgunhas responsables políticas, chegada a hora de contentar ou de enganar ó persoal. Comprenderan a dificultade que encerra o feito de votar cunha man mentres que, cos dedos da outra, premes as fosas nasais non vaia se que che dea por tusir. E aínda máis, a outra opción aínda e menos desexable sexa esta a ofrecida pola extrema dereita ou mesmo pola dereita extrema actualmente empoleirada. Un lío.

Te puede interesar