Opinión

Prohibido contestar solfeando

Hoxe, cando me poño a escribir, fágoo baixo o influxo doutra mala nova. De seguir isto así, isto que agora escribo baixo a advertencia de que se trata dun xeito de axudar a que vaian pasando ás páxinas e, tras delas, o vaian facendo as horas, vai acabar sendo tan certo, tan certo, que se resumirá noutro titular: “Obituario”. De cántos amigos mortos lles levo escrito neste verán que xunto co mes de agosto xa case que se pode dar por consumido?

Onte morreu Pancho Cobián. Ós máis dos lectores de La Región este nome non lles dirá nada. A algúns, maiormente membros da formación política que o elevou a alcaldía pontevedresa, si que lles dirá algo, espero. Escribo non pra dar noticia da súa morte, tampouco pra dar consolo ós seus deudos. Fágoo pra dar conta da tristeza que implica a perda de alguén que foi bo e afable amigo, boa persoa sempre atenta a facer as cousas fáciles, aínda as complicadas.

Hoxe morreu Xesús Varela Ogando, compañeiro noso no Instituto do Posío. Foise nuns poucos minutos, dese xeito que é unha cruel zoupada prá familia e quero crer, porque así o desexo, que un breve episodio pró finado. Suso Varela era sobriño do señor Ogando, do noso, do meu profesor de Literatura e, coma min, daquela era algo imprudente. En clase de francés, disciplina que nos impartía Don Carlos Vázquez, que era (se mo permiten) un soberano coñón, estando este pasando lista por orden alfabética, chegado ó meu nome deume por lle responder ó chamado cun “seeerviiidooooor!” que chegado ó remate da lista producíu o eco do Suso e unha inscrición no parte de clase: “El señor Conde Cid y el señor Varela Ogando expulsados de clase por contestar solfeando”. Así éramos daquela.

Hoxe Luis A. Chao, entrañable compañeiro daqueles días, logo de ler esta mesma evocación no chat que mantemos os que asistimos a aquelas aulas, teima en que o parte de clase o que dicía era un “advertidos e reincidentes pulsi fuerunt” referido a nós os dous, pero esta vez, según eu recordo, foi en consecuencia co feito de que eu non paraba de falarlle a Luis e Luis de me responder a min. Perdía el e non gañaba eu, pois Luis sempre foi un alumno brillante e eu un lacazán ilustrado, amigo de moito ler e pouco estudar. Un lacazán era o que dicía de min o señor Ogando. O caso é que Luis e máis eu e con nós o resto dos compañeiros recordamos hoxe momentos vividos, xa hai máis de medio século, cando o mundo era outro e tan distinto deste que é un luxo ter asistido ó cambio habido. O que non mudou foron os sentimentos de amizade e de compañeirismo que prenderon en nós ó longo daqueles poucos e inaugurais anos dunha adolescencia que, de contado, nos habería depositar nesta mocidade da vellez á que nos enfrontamos hoxe mentres contemplamos coma van diminuíndo as nosas filas ou ringleiras, algo que nunca tiven claro, se filas ou se ringleiras. E acabo xa. Agora permítanme que de novo me abandone ós meus recordos, mentres recito en baixo o seeervidor e recordo a cara pícara do Suso.

Te puede interesar