Opinión

Reformas e estragos polos quiliños

Hoxe acordei pedante; pedante e turbio avoltado. Cando menos, despertei cunhas non tan insólitas gañas de parecelo. Ás veces dáme por aí. Debeuse, iso é o máis probable, a este cambio de hora que nos trae confusos e nos fai espertar xa no medio da luz do día, cando non hai nada faciámolo non en plena noite, pero case. Ouh, se nos deixaran dunha vez tranquilos disfrutando do fuso horario ó que pertencemos! Nos Estados Unidos de América do Norte teñen horas e horas de diferenza entre os seus países da costa leste e os da oeste e a súa unidade nacional non se ve en absoluto afectada por elo. E dormen a perna solta. Fágoo saber -perdón, recórdoo- por se é cousa de que a razón estribe neso da “unidade nacional” o feito de que non se derogue dunha vez a decisión do extinto xeneral de facernos vivir coa hora de Berlín, a nós, tan excéntricos xeográfica e mesmo diría que espiritual e fisicamente.

Así que, tornando ó rego e tal e como xa comecei informando, hoxe non só acordei pedante senón que mesmo vou demostralo e aí lles vai: The only way to get rid of a temptation is to yield to it, que foi como o deixou dito Oscar Wilde pra que o anosásemos e así nos informar de que “o único xeito de se librar dunha tentación é abandonándose a ela”. Verán como axiña se abandona este escribidor de vostedes.

Con isto de se atopar un nesa idade que antes era denominada “a terceira” e agora, demasiado eufemisticamente, se cualifica como “xente maior” un xa vai tendo menos tentacións das que, noutros e anteriores tempos desfrutou ou mesmo chegou padecer. Eu, por exemplo, consumido por unha ansiedade que me acompaña dende neno abandónome con farta frecuencia á tentación de comer como comín sempre e non debera comer agora; é dicir, moito e ben. Cando corresponde xustificar ese meu abandono, ese meu sucumbir do xeito que certifico que o fago, adoito argumentar que á miña idade, o único pracer que se pode levar a cabo tres veces ó día, día tras día, vestido e sen suar ven sendo precisamente ese: O da inxesta copiosa e plena de sabores. Non lles hai argumento que o rebata. Tan só a mirada reprobatoria de xente máis comedida ca min me fai pensar que acaso eu estea equivocado. O dubido. A estas idades pódesenos pedir calquera cousa, pero non que corramos os tres mil metros obstáculos. Queda dito.

Cando o doutor Juanatey, que é un cardiólogo eminente, logo de quedar como quedei, cando logo do meu SARS 14 me deu un infarto, me asegurou que, de adelgazar como debera, me certificaba dez anos máis de vida, o primeiro que fixen foi asustarme; despois, como me dixera que podería chegar ós noventa, botei contas, e pensei que me estaba a asegurar os oitenta de plena vixencia persoal. Xa ando pola talla 3XL.

Está visto que son un inconsciente, agora ando de novo en probas pra ver se diminúo graxa corporal. A verdade é que non é moi difícil deixar de comer abundantemente. O verdadeiramente difícil e non volver facelo. Deixar déixase sen maior problema. Tornemos a Wilde. Somos seres contraditorios. Sómolo todos nós. Wilde tamén o foi. Se non o entendín mal dixo que “degradámonos ata nos converter en horrorosos monicreques, obsesionados polo recordo dunhas paixóns que tememos demasiado e polas exquisitas tentacións ás que non tivemos a valentía de sucumbir” algo que, non sei porque, se me antolla en flagrante contradición co anterior, evidencia que el non estaba tan groso coma min... aínda que lle chegase ben.

Éralles moi hábil este Oscar Wilde, cando menos unha vez chegada a hora de xogar coas palabras e cos conceptos que, grazas a elas, se conforman. Pra que vexan que nisto da pedantería sonlles máis ben teimudo, voulles botar outra pequena andanada das que antano se botaban en latín, máis tarde en francés e agora van case que sempre en inglés, unha vez que a nosa xermanofilia cedeu na súa inicial intensidade. Aí vai de novo: If you want to mar a natura, you have merely to reform it, o que quere dicir que se queres estragar perder un modo de ser, só tes que reformalo.

Quererá isto dicir que se, os que nos pasamos un pouco nisto dos quiliños, queremos botar a perder a condición bondadosa que grazas ás graxas a xente adoita adxudicarnos non temos máis que facer que reformar a nosa inxesta e xa está. Pois o mesmo si. Pero non so iso. As reformas ca nosa vida colectiva ven experimentando dende hai medio cento de anos, dende que os camións que ían camiño de Madrid deitaban o saín dos peixes todo ó longo da rúa do Progreso, daquela do Xeneral Franco, deixándome a min saudades da ría de Pontevedra; esas reformas estannos axudando a estragar unha forma de ser e de ocupar o mundo que xa a penas ten que ver coa que herdamos dos nosos devanceiros.

Non é que o xogo dos coios, ou o da billarda, tampouco o ceroviola ou o de xogar ó pincho cuns paus, espetándoos na tenra humidade dun lameiro, fosen millores ca estes de hoxe reducidos á pequena pantalla dun teléfono móbil. Non eran millores, eran distintos; levábalos a cabo cos pés achantados na terra, na lama ou na herba, na realidade en suma, mentres que agora, cando os rapaces manexan o móbil, onde pousan os seus pés é na fría baldosa da sala de estar, no cemento do patio de recreo, que esa é tamén a realidade, pero xa outra que remata cando apagan o móbil e xa a penas recordan nada. Mañá han ser xentes con outra memoria, ó millor tan só coa chamada memoria RAM, esa que hai que recuperar prendendo de novo ó ordenador cando non o móbil. O mundo da moitas voltas, é posible que estea dándoas, senón máis das debidas, si algo máis apresa do que debería. Os vellos, mal que ben, imos adaptándonos mentres gardamos a memoria do pasado. Os novos van medrando sen memoria, a conta de delegar a súa conservación nos móbiles e similares. Quen lles asegurará unha conservación desinteresada?

Te puede interesar