Opinión

Saúdos para desconfiar

Non deixa de ser curioso observar como o tempo de pandemia foi modificando os xeitos de nos saudar os uns ós outros. A xente do común, mesmo os políticos, que nun principio puidera pensar un que tamén o son -ou sexa que son xente do común e non algo así coma extraterrestres, cando menos case que todos os de hoxe- comezamos a nos saudar petando cun cóbado noso contra doutro do por nós saudado pero, non se sabe se debido a que os políticos pensaron que non se deberían “codear” con calquera, pouco a pouco, foise cambiando polo de pechar os puños e entrechocar os nosos cotobelos (agora seica se lles di nudillos) cos dos nosos opoñentes. Era case que como estreitar as mans. Se este aceno indicaba antano que non se ía botar man nin de espada, nin de puñal algún -razón esta pola que, a partires de aí, se podería falar confiadamente- o das puñadas trapeiras debéusenos antollar non tan desexable coma esa chiscadela de ollo, consistente en nos tocar cos cotobelos, anunciadora de que non habería máis puñada ca esa na que se resumía unha amigable expresión de ánimo. Os máis aí nos quedamos. Os políticos non, os políticos optaron por se levar a man ós corazóns.

Georg Christoph Lichtenberg, respectable físico descubridor que foi no 1777 das chamadas “figuras de Lichtenberg”, as imaxes eléctricas así chamadas dende que el as descubriu modificadas en ramificacións; admirado que foi por Nietzsche e autor que tamén foi dun “almanaque de bolsillo”, unha publicación anual moi lida pola sociedade de damas e cabaleiros da cidade de Gotinga, na que el mesmo residía, escribiu tamén un libro, titulado “Aforismos”. Libro este que o propio Nietzsche cualificou como un dos poucos textos da literatura alemá que pagaba a pena ler unha e outra vez. Confeso que, de cando en vez, fágolle caso a Nietzsche. 

Nun deses aforismos, no numerado como 74 na edición de Juan del Solar, non sei noutras, Lichtenberg redactou un que mesmo semella escrito pra estes nosos tempos, aínda pandémicos. Trátase dun desexable xeito de considerar este saúdo de agora, que antano foi sinal de verdade e confianza, tan desexables ambas nestes tempos xa case pos pandémicos; un aforismo no que se afirma que “non hai que confiar en ningún home que, cando asegure algo, se leve a man ó corazón”. Así que xa o saben, tomen a debida nota. Nin con luminosas ramificacións, nin sen elas, e miren que son bonitas, debemos confiar nun deses acenos tan cordiais que mesmo poden enganarmos. Claro que haberá que advertir que, este libro de aforismos, non o é tanto como de ocorrencias, reflexións, sentenzas, anécdotas, citas e hipóteses, ou constatacións tales como a de que “o benestar de moitos países decídese por maioría de votos, malia que todo o mundo recoñeza que haxa máis xente mala que boa”. Pero en calquera caso non se fíen moito do político que se leve a man ó peito e atendan ben ó que lles di no canto de facelo... non vaia ser o caso.

Te puede interesar