Opinión

Sentidiño, moito sentidiño

Sentidiño. Non se sabe se haberá algún galego ó que antes ou despois non se lle recomendara sentidiño. Sentidiño pra isto, sentidiño pra aquilo, sentidiño no de máis alá. Somos un país anegado polo sentidiño. Nunha oportunidade ou noutra, todos nós, os que disque somos da caste de Breogán, ben a través dun pai, tamén dunha nai ou dunha avoa recebémolo encargo de botar man de concepto tan claro como inexplicable. Levámolo feito de xeito cas nosas vidas transcorresen, en cada ocasión na que se amparaba a recomendación citada, con placidez e tranquilidade, con sosego e calma, con paciencia e serenidade pois seguindo a consella todo sería como debería ser e eiquí paz e despois gloria. E así, dun sentidiño noutro, ata eiquí demos chegado.    

A aplicación política, a incorporación á linguaxe e á práctica política do sentidiño dende que Xerardo Fernández Albor incorporou a palabriña a ela, moito é o que se leva aproveitado. O sentidiño conten dentro súa todo canto se acaba de dicir e aínda máis pois implica unha corrección política da que se podería dicir, con xustiza, que xa podemos comezar a estar máis que fartos dela. Eu polo menos, si que o estou. Fernández Albor foi unha extraordinaria boa persoa, sen dúbida, pero non foi un bo presidente de Galicia, aínda que si fose un bo político grazas, precisamente, a que aplicou o sentidiño a todos e a cada un dos seus actos. Como se come iso? Pois sen máis que recordar que accedeu á vida política sendo xa sesentón e perdurou nela ata practicamente os seus cen anos; todo grazas ó sentidiño convertido en categoría e malia que este o conducira a unha moción de censura que o desbancou da presidencia do país. Unha moción que non foi consecuencia dunha travesura ou dun antollo, dun capricho de Gonzalez Laxe, senón consecuencia dun goberno, presidido por el, que colocara ó país nunha situación que xa non todos recordamos. Posiblemente, todo elo, todo o proceso, como consecuencia do sentidiño; é dicir, dunha especie de laissez faire, laissez passer do que se diría que consistise nun velas vir, deixalas pasar e non paralas a tempo que leva creado escola e ten sido aplicado, dende entón, en máis dunha oportunidade.

Así que, se ben lles parece, o sentidiño coma valor político foi instituído por Fernández Albor, seguido logo por egrexios discípulos que o entenderon nun sentido ou noutro, pero sempre cun aproveitamento persoal, pero con ben menos aproveitamento colectivo do esperable. Recórdense senón o período de gobernación presidido por Emilio Pérez Touriño e secundado por Anxo Quintana que, en non poucas oportunidades, botou man dunha recomendación que a fin de contas ofrécese como pouco recomendable. Cando menos na súa acepción aplicada á práctica política. O Goberno bipartito do PSOE e mailo o BNG, malia as recomendacións de sentidiño proferidas por Anxo Quintana, deu paso á presidencia de Feijoo e ata que, calquera día destes, o presidente Rueda rexeite o sentidiño e con el a política de Feijoo pase a ser outra e xa e definitivamente de Rueda, a cousa non nos ha saír, ós galegos, en absoluto ben rodada... por moito sentidiño que lle sigamos botando. O sentidiño levou a Feijoo a onte está hoxe e ó país onde o vemos. 

Laxe, que eu recorde, non recomendou sentidiño e foi desaloxado do poder non por unha mala xestión, senón por unha defección do seu propio partido que prefería a Fraga no seu posto. Tanto e tanta foi esa preferencia que o presidente do goberno central, Felipe González, deu a protectora orde e mailo apoio que tal orde supuxo pra que Fraga fose recibido nun mesmo día por todos os ministros do seu goberno. Fixoo así logo de que por vez primeira, o presente do goberno central non participase nas eleccións dunha nacionalidade histórica como foi o caso. Así Laxe, carente de sentidiño, foi bo pra Galicia e “malo” pra el e o seu partido sen necesidade ningunha. Fraga careceu tanto de sentidiño, recorden as súas propostas dunha administración única, de ampliación das augas xurisdicionais galegas, e da reforma do Senado, que hoxe os do propio partido por el fundado, silencian o seu nome todo canto poden malia que, logo da súa primeira lexislatura recuperase o sentidiño,

Volveu reinar o sentidiño todo ó longo da feixoada ou se o prefiren do feixoato. Foi útil e necesario na súa primeira e lonxana lexislatura e diríase que non moi de recibo na súa aplicación posterior. O sentidiño significou tranquilidade e calma, bo criterio e boas maneiras, paz social, serenidade e nin sequera resignación. Mentres tanto Galicia foi privada dunha banca galega; a súa sanidade pública depauperada ata os extremos que estamos vivindo; a súa industria, ben fose esta láctea ou de construción naval,por exemplo, notablemente prexudicada; a xeografía galega eucaliptalizada ata extremos insostibles (hai máis eucaliptos en Galicia que en toda Australia) mentres que a agricultura galega ocupa tan só un 3% da superficie cultivable en tanto que a do resto de España anda por riba do 30%. Non falemos da gandería e doutros eidos dos que a súa mera mención acabaría convertendo este parágrafo en excesivamente irritativo. Sucedeu así mentres o sentidiño foi unha norma de comportamento aplicado mediática e firmemente na súa versión política. Máis de medio millón de persoas están hoxe en Galicia en risco de pobreza ou exclusión; iso si, con moito sentidiño. A primeira lexislatura de Feijoo foi como tiña que ser pois a carencia orzamentaria determinou esa socorrida mención do sentidiño na mesma medida na que a posterior e idéntica recomendación axudou non pouco ó panorama económico e social que estamos atravesando. Acaso por iso, algunha xente medio atravesada como podo ser eu, nos manifestemos contrariados por tanto sentidiño así entendido e así aplicado. Con tanto sentidiño conseguimos non pintar nada, ou ben pouco e descolorido no panorama estatal, de xeito que acaso vaia sendo hora de deixar de ter tanto e comezar non sei se a ensinar os dentes ou cando menos de arregañalos facendo algo dun ruído que nos permita dar razón de nós mesmos e das nosas necesidades máis inmediatas. Morder non, pero de ensinar a algo dentamia xa ven sendo hora.

Te puede interesar