Opinión

Sete fontes máxicas

Eu xa sabía, seino dende hai tempo, que Melquiades Álvarez, natural de Boazo, alá naquel silencio alto de Castro Caldelas, señor do madrileño Café Varela, alí no baixo do Hotel Preciados, é o millor embaixador de Galicia en Madrid. Agora sei tamén que a Ribeira Sacra ourensá, antano chea de vizosas terras de cultivo, terras coa lentura xusta e afortunada, está hoxe a monte, ocupada de soutos de castiñeiros, de carballeiras rexas, en demostración de que a natureza é máis sabia que o ser humano empeñado en enchernos o país de eucaliptos e piñeiros que por alí non asoman e deixan o aire limpo, o silencio puro, de xeito que o aire pode falarnos sen máis que se pousar na follaxe dos árbores nosos e centenarios.

Eu xa sabía, dicíalles, pero perdinme nas reviravoltas dos recordos e das sensacións vividas, que Melquiades Álvarez era, é, o que lles dixen. Agora sei que ninguén amosará a Ribeira Sacra con tan vehemente amor como o que el luciu, hai uns días, pra que David Trueba, Gonzalo Cortizo e este escribidor de vostedes, coñeceramos a súa terra, beberamos nas súas fontes, falaramos coas súas xentes e, no meu caso, recuperaremos vellos afectos endexamais esquecidos, sempre recordados.

Non son resumibles os dous días transcorridos desta banda do río que separa as terras de Ourense das de Lugo. Pero é recomendable que a xente se asome ós miradores deste lado, se achegue ós mosteiros que a poboan, se deteña a ver o cotiá se deitar do sol dende o alto do castelo do Castro de Caldelas; logo de recorrer as fontes mananciais e salutíferas que aboian na tona da terra ó mesmo pe dos altos regueiros de montaña. Moitas e necesarias.

Se eu fose alguén con poder, un presidente da Deputación ou cousa así, convocaría un concurso público no que os mellores arquitectos se sentisen chamados a deseñar unhas fontes, non moitas, con media ducia xa sería abondo pra empezar, que ofrecesen ó visitante a saúde que tantas veces se nos eslúe entre dos dedos das man, precisamente, como se fose auga. Media ducia de fermosas fontes que encanasen a auga salvífica e lla ofrecesen ó visitante sen necesidade de que este se teña que deitar á beira da auga coma diácono no transo de ser presbítero.

Dixen media ducia e ó millor era máis máxico que fosen sete, as setes fontes máxicas da Ribeira Sacra ourensá, ofrecidas á quen quixer beber delas, debidamente encanadas, fermosamente construídas, conservadas, sinalizadas e visitables. Se logo a xente quere ir tomar un cafetiño con leite, mollando nel un boa e saborosa bica, por exemplo, da que hai no Bar Grilo, faría ben en seguir os seus instintos. Podería facelo antes ou despois de probar os viños desta banda da nosa Ribeira Sacra. Xa saben que a orde de factores non altera o produto e nas terras altas do Castro de Caldelas danse uns viños que arden nun candil. Pregúntenlle senón a Melquiades Álvarez. Seguro que llo confirma.

Te puede interesar