Opinión

Un par de preguntas


Hai uns días, non sabería dicir cántos, non moitos, pero tanto ten que sexan poucos, Xosé Ramón R. Iglesias, que é un articulista do xornal da capital galega ó que hai que ler pois sabe do que fala e acepta as restricións menos daniñas, comentábame, disimúlenme os lectores que agora fale de min, que o meu é un caso único no xornalismo estatal pois escribín un artigo cotiá, sen fallar un só día ó longo de trinta anos. Agás eses tres días do ano que non se publican os xornais, non fallei nunca á miña cita cos lectores.Sen contar outros ciscados en diferentes medios e sen ter en conta que sigo escribindo, dende hai máis de cincuenta anos, quere dicir que levo escritos máis de dez mil artigos en galego. Coido que, a partires deste dato, ninguén ha cuestionar o meu amor pola miña lingua, a miña fidelidade a ela e a cerrada defensa que veño facendo dela dende que, facendo o bacharelato no Instituto do Posío, lle escribía as cartas ó meu pai no idioma que me aprendeu amar dende que eu era ben pequeno. Entre os libros publicados e o número de páxinas que conteñen, farían subir notablemente a miña cualificación como grafómano. O feito de escribir tanto non implica que o fixese ben, senón que o fixen moito. Comentalo non ten outro obxecto, unha vez máis, que paliar o efecto que a concesión da “ponla de toxo” ó gran traidor á lingua galega que me foi outorgado no ano 91 do pasado século non implicou nunca, nin implicará, téñano por seguro, a máis mínima reacción contraria a tal distinción.

Neste mes de setembro que mañá comeza volverei andar polas estradas galegas camiño das presentacións dun novo libro titulado “A conto do literario” que pode que a algúns lles guste moito e a outros non lles guste nada, dadas as consideracións que nel se expresan. Por tal razón, adiantándome ós efectos imprevistos, é dicir, que non se garde o silencio habitual sobre a miña produción literaria e se fale del e do seu contido quero adiantarme deixando constancia documentada da miña lealdade e dedicación empeñadas na defensa do galego contidas neses artigos e nos trinta e moitos títulos de libros que os acompañan.

Feita constancia do que acaban de ler e dado que como non parece ser “patriótico” negar a bondade da situación do galego quero deixar feitas un par de preguntas que cada quen deberá, se así o quere, responder en silencio. Aí lles quedan.

Fálase hoxe máis en galego do que se falaba hai corenta anos? Esa é a primeira. Agora ven a segunda: O galego que se fala hoxe é millor ou peor galego que o que se falaba hai eses mesmos corenta anos? Algo deberemos estar facendo mal pra que, tendo máis instrumentos de conservación dos que tivemos nunca os resultados sexan os que son e tanto nos entristecen. Vender optimismo é o que fan os vendedores de ungüentos milagrosos e máxicos, coñecidos tamén como “falabaratos”. Pois nesas e non noutras son nas que estamos.Quero crer que aínda estamos a tempo de remedialo. Teño as miñas dúbidas. Non por elo deixo de amar a miña lingua e de escribir nela. O movemento sempre se demostrou andando. E aí non me pillan, compañeiros.

Te puede interesar