Opinión

Unha de vaqueiros, ao sur de Río Grande

Nos barcos almorzábase ás 11 da mañá, algo antes de medir a altura que tiña o sol sobre o horizonte náutico, ó mediodía. Non sei hoxe, cando todo cambiou e o arte de navegar ven sendo xa outro e distinto, cando a navegación astronómica foi substituída pola servida polos ordenadores e máis os satélites artificiais, non sei si se seguirá a facer o mesmo. Pero cando eu navegaba, así o era. Ás once, a xantar. Ás seis da tardiña a cear. Non naveguei moito, pero si o abondo como pra me afacer a tales horas converténdoas nas indicadas e propias do meu prandio. Agora, xa vello, gústame xantar cedo e, chegada a unha da tarde, xa estou chantado diante da mesa, e, pasadas as sete do serán, xa estou de novo moi disposto pra unha nova e frugal inxesta.

Como a maior parte dos meus días estou só, a unha, tal e como lles dicía, xa estou disposto, ben disposto, a almorzar diante do televisor que me acompaña. A tal hora, na segunda canle pública, adoitan emitir o que na miña nenez e adolescencia chamabamos “unha de vaqueiros”. Desfruto delas a miúdo. Gústanme as pelexas que nelas se simulan. Non teñen nada que ver con eses ballets cos que nos ilustran as películas actuais nas que os vaqueiros son substituídos por axentes da CIA ou do FBI e, os indios e os mexicanos, o son por espías rusos ou por chineses que parecen máis uns acróbatas da extinta Ciudad de los Muchachos ou bailaríns de danza clásica, que homes feitos e dereitos loitando a labazadas e morrendo de morte matada e non de morte morrida a causa de radioactividades e outros inventos obscenos. O resto, iso que os latiniparlos chaman o narratolóxico, ven sendo o mesmo: os bos e intelixentes e desprendidos son sempre os ianquis e os malos tamén son os de sempre, os roxos e os morenos, sexan estes de coloración dérmica ou política.

Días atrás vin unha na que os malos eran os mexicanos. Estaba referida á batalla do xeneral Santa Ana contra os de Fort El Álamo, celebrada que foi en San Antonio de Texas, a cidade bañada polo rio Yanaguana; o mesmo que, dende 1691 pasou ser o río San Antonio e agora, según transcorre polo centro da cidade é coñecido coma o River Walk. Durante anos, inxenuo de min, peroreille a máis dun alcalde galego que fose visitar aquel regueiro así chamado (xa quixera ser coma o noso Barbaña) pra ver como, represando as augas, se pode converter un regueiriño nunha atracción turística de primeira magnitude cal ven sendo o caso do río do que falo. Nin caso me fixeron. Alá non eles, senón mesmo todos nós, case que sempre de costas ás nosas augas máis fermosas.

Ó longo do vello Yanaguana, unha vez deixada atrás a súa canle urbana, atópanse cinco das vellas misións dos frades franciscanos que eu visitei, hai xa anos, unha vez que me levaron falar á universidade de San Antonio. Visitalas constitúe unha experiencia notable. Nelas queda constancia da eclesiástica presenza dos frades, pero tamén da súa outra e importante misión, a de levarlle ós indios a revolución tecnolóxica do momento. Pra constatalo non hai máis que visitar os museos alí existentes e comprobar a presenza de tódolos apeiros de labranza que os frades levaron con eles pra aprenderlles ós indios a súa utilización. Máis embaixo, máis ó sur, no que non foi Novo México, senón no de sempre e aínda existente, Sebastián de Aparicio, un d’A Mezquita, que ó final dos seus días profesou coma lego e acabou sendo beatificado, aprendeulle ós chichimecas, os máis feros de todos eles, a aplicación da roda pra usala no transporte e a doma de cabalos e vacas nacidos en liberdade. Algo máis que sumar a herdanza de Cortés, o único universitario de entre os chamados conquistadores, responsable de levar o Renacemento a aquelas terras, deixar universidades e outras miudezas das que hoxe non toca que falemos. Todo isto, todo o ata eiquí mesmo escrito, ven como consecuencia da película esa do xeneral Santa Ana, un déspota medio borrachuzo, gobernando un exército de esfarrapados arrogantes, fanfarrós e traidores, en franca oposición cos ianquis, sempre ben dispostos e elegantes, que acabarían por lle arrebatar California a México, tamén Arizona, Colorado, Texas... facéndoo dun xeito tal que non conseguiu aínda que ó actual presidente de México, o inefable López Obrador, non se lle caia a cara de vergonza mentres mantén un silencio cómplice respecto da realidade actual, esa filmografía insultante e supremacista, e da pasada que dezmou etnias e realidades que nós aínda respectamos.

En México, pese ós gachupíns ou grazas a eles, séguese falando náhuatl e segue habendo etnias que manteñen os seus hábitos mentres que, os indios que así vivían nos tempos da presenza española nas outras súas terras, esas que pasaron a estar en mans , foron dezmados dun xeito que é millor será non poñer en cifras. O curioso é que en México os españois seguimos sendo gachupines e conquistadores e os ianquis, xa é ironía, seguen sendo pioners. E mentres tanto, o señor López Obrador, mantén unha obsecuencia digna de millor causa respecto dunha realidade que os maltrata e despreza cun rigor do que o presidente Trump deu inefable e contumaz exemplo. É comprensible que, no tempo da emancipación da metrópole, tivera vixencia o discurso anti español que hoxe aínda e incomprensiblemente permanece vivo, cando os mexicanos teñen tanto onde rascar en pelexo propio e no do seu veciño do norte.

Hai que recordar o que a presenza da emigración española aportou ó país non só dos mexicas, senón tamén dos tlaxcaltecas, chichimecas... etc, para de paso agradecer ó trato que o chorado presidente sexa Lázaro Cárdenas prestou ós exiliados da nosa Guerra Civil. Tamén hai que recordar o que estes aportaron á universidade mexicana, os avances médicos que naqueles días fixeron de México o abandeirado da cardioloxía mundial, ou o que os economistas axudaron a converter o país no do mundo con máis reservas ouro mentres que a Arxentina pasaba, no mesmo período, de ser a que máis tiña a ser a que menos pasou ter. López Obrador debe ser moi ignorante cando non está ó tanto destas cousas e non o molestan esas pelis de indios e vaqueiros. É como pra pensar que será por algo.

Te puede interesar