Opinión

De verdades, orgullos, vaidades, xuízos e sentenzas

O feito de que alguén estea disposto a morrer por unha causa, non converte a esta nunha causa nobre; nin sequera o feito de que alguén morra defendendo unha verdade, calquera verdade, non fai que esta sexa nin sequera defendible.

A dedución certa e posible, senón a única, é a da inmensa lealdade á súa causa de quen así se inmola. Pero ó tempo e ó par da enteireza de ánimo precisa haberá que considerar, por unha banda, a firmeza do inmolado e, por outra banda, o fanatismo do inmolador auto proclamado xuíz ou confiado e convencido executor dunha orde xurdida de “arriba”. Segue sendo aceptable a convicción de que se pode morrer por unha idea, pero non matar por ela.

Conde_19

É descorazonador o simple feito pensar que isto poda ser así como acaba de ser dito, pero, por moi descorazonador que sexa, non por iso deixa de ser menos certo. O diálogo que Antonio Machado nos reproduce no seu “Juan de Mairena. Sentencias, donaires, apuntes y recuerdos de un profesor apócrifo” debe seguir facéndonos pensar. Cal o diálogo? Pois este: “La verdad es la verdad, dígala Agamenón o su porquero. Agamenón: es verdad. El porquero: No me convence”. A verdade adoita estar nas mans de quen vence, de quen mata e acaso por iso a superioridade moral resida naquel que é victimado sexa no nome destes ou daqueles outros principios.

Escribo outra vez que o diálogo anterior debe seguir facéndomos pensar porque sospeito que xa recorrín a el, ó diálogo de Juan de Mairena, non hai aínda moitos días. Fágoo agora de novo non porque estea absolutamente de acordo coa sentencia de Oscar Wilde e sexa eu “desoutra clase de xente que se cre que por repetir unha e outra vez a mesma cousa, ó final esta acaba por ser verdade”. Sonlles máis de seguir recorrendo a Machado naquel seu outro aforismo: “Tu verdad no, la Verdad; y ven conmigo a buscarla. La tuya, guárdatela”. Isto si que non me custa traballo ningún repetilo ata a fartura porque mentres te entretés buscando a Verdade non vas estar facéndolle mal a ninguén no nome dela. Se non a atopaches careces da convicción precisa pra actuar no seu nome. Non che hai volta de folla.

Certo tamén que, carente de palabras coas que construír a verdade pra poder logo transmitila, basearaste nos feitos como maior e millor argumentario das túas proclamas. Faralo recorrendo ó despece dos feitos, un por un, que é o que fan aqueles que se basean neles pra xustificar a causa da que se trate en calquera momento e circunstancia. Magoa que os feitos sexan tamén interpretables. O único aceptable é que, mentres se busca esa Verdade común non se anda a enredar coas distintas verdades que adoito nos acosan e non se incorre en actos dos que nos avergonzar no futuro.

En todo caso debe ser advertido que, todo o anterior, ven a conto da suspicacia coa que hai que tratar a todo aquel que acode a nos dar lección no nome desta ou daqueloutra verdade pretendendo impoñérnola. Outra cousa é que queira e mesmo deba dárnola a coñecer, pero esa non é sempre a actitude dos defensores acérrimos das distintas verdades que pululan arredor de nós. Menos mal que é doado distinguilos, identificándoos de contado, pois adoitan proclamar o orgullo de estar en posesión dela, desa e concreta verdade que proclaman, ó tempo que se nos amosan vaidosos de tal e concreto feito.

Schopenhauer, que é pensador hoxe xa non moi frecuentado, axúdanos a recoñecer o orgullo alí onde se asome ás nosas vidas. Faino aplicando un diagnostico diferencial parangonándoo coa vaidade. O orgullo, dinos o vello cascarrabias, consiste no firme e preexistente convencemento da valía preponderante que temos nalgún aspecto, en calquera aspecto e respecto de calquera cousa: a categoría do xogo do Real Madrid, pra non nos meter en fonduras, considerándoa respecto da do Barça... por non eludir metérmonos cando menos nalgún pozo no que chapuzar a eito.

Schopenhauer non elude advertinos da consistencia da vaidade da que, polo contrario, afirma que consiste no desexo de espertar nos demais o convencemento anterior, o da cualidade do xogo do Barça e mailo do Real Madrid, por exemplo e por nos permitir unha repetición de novo; pero poñan os lectores aqueles outros que prefiran a fin de poder apropiárnolo.

O que traducido ven sendo algo así como que o orgullo pola posesión da verdade consiste na elevada estima dun mesmo, esa que nos sae de dentro e que por iso é tan directa, mentres que a vaidade é a aspiración a conseguir esa estima fóra de nós, nos demais e dun xeito por tanto indirecto.

Conclúe Schopenhauer afirmando que a vaidade fai que as persoas se nos amosen lareteiras, parlanchinas se o prefiren, mentres que o orgullo as torna taciturnas. O problema é cando se nos xuntan orgullo e vaidade no mesmo individuo inducíndoo a soltar verdades, unha tras doutras, coma un lorito ou coma un corvo, que tamén fala, mentres que chegado o instante de considerar o efecto causado nos seus ouvintes se nos mostra taciturno e severo, disposto a xulgar coa contundencia que estime necesaria.

Acaso esteamos vivindo tempos nos que o orgullo e a vaidade así entendidos estean a nos envolver en moita maior medida que outros anteriores. Os tuits e outras invencións obscenas están a nos proporcionar verdades e orgullos, vaidades, xuízos e sentenzas cunha prodigalidade que, cada vez, vai impoñéndolle máis lindes á nosa capacidade de pensar por nós mesmos.

Este espallamento do sentimento fácil, da opinión líquida que se adapta á forma que en cada momento se lle dea, está a nos impregnar dun orgullo e dunha vaidade que se están a converter nunhas verdades en si mesmas; o que poderá semellar, senón algo recalcitrante, desproporcionado. Pero conviría ir botándolle unha ollada... por si resultase axustado á realidade.

Te puede interesar