Opinión

Os asasinos de mulleres non collen vacacións

Estamos en plena época estival. Especialmente en xullo e agosto a actividade diminúe en todos os ámbitos, os colexios pechan, as persoas collemos días de descanso e asueto, moitas empresas baixan o ritmo produtivo e as institucións reducen a súa actividade. Mesmo semella que os problemas habituais parece que fan un paréntese amparado polo bálsamo do tempo libre e do ocio. Malia todo, o único que non remuda o ritmo son os asasinatos de mulleres. Incluso increméntanse. Este mes de xullo está sendo o mes do ano con máis mortes violentas e así, a mediados do mesmo, xa temos 5 mulleres mortas. Os asasinos seguen matando porque a violencia contra as mulleres non entende nin de datas, nin de idades, nin de nacionalidades, nin de relixión ou raza, apunta simplemente cara o sexo feminino.

Esta sociedade asiste ao goteo diario de noticias sobre actos e actitudes violentas contra as mulleres como meros usuarios consumidores de telexornais, como unha noticia máis á que un se acostuma e que simplemente pasa cando remata o informativo diario. Medo me da pensar que tense interiorizada a situación de maltrato, de violencia contra as mulleres, de asasinatos. Temos alertas laranxa polas olas de calor ou alertas amarelas por terrorismo. ¿Para cándo unha alerta vermella pola violencia contra as mulleres?

A violencia é unha forma execrable de control social e a violencia contra as mulleres ten un obxectivo prioritario e continuo: a persistencia de posición de subordinación e desigualdade das mulleres nas relacións cos homes. O asasinato, a violencia máis extrema. Como é posible que nunha sociedade democrática, que establece por lei a igualdade efectiva entre homes e mulleres, se siga producindo violencia cara ás mulleres de xeito tan dramático e persistente? Se a lei nos recoñece iguais ¿por qué as mulleres encontramos tantos obstáculos e discriminacións polo feito de ser mulleres? Se a lei nos fai iguais ¿qué nos volve socialmente desiguais? ¿a escola, a familia, os anuncios na televisión, a economía? Teño claro que son os estereotipos sexistas, capaces de propagar en todos os ámbitos e por todos os medios sociais as crenzas e prexuízos que producen como resultado a discriminación. Pero tamén sabemos cómo se combaten os estereotipos sexistas. É fundamental a implicación dos poderes públicos, con políticas de igualdade específicas e transversais.

É fundamental o papel do Ensino, en todos os seus niveis, con leis educativas que integren como principio vertebrador a educación en igualdade e coa implicación de todos os colectivos da sociedade. É responsabilidade de todos e todas. Decretemos entón unha alerta vermella para a violencia contra as mulleres. Por toda a sociedade en xeral pero tamén porque llelo debemos a Isabel e Beatriz que foron as derradeiras en caer e que, coas demais falecidas, suman xa 22 mulleres asasinadas no que vai de ano.

Paremos esta barbarie xa.

Te puede interesar