Opinión

Por un cambio de rumbo

1º de maio, data imprescindible na historia da clase traballadora. Tal como recollían algúns dos textos daquelas primeiras octavillas, no 1880: ‘Un día de rebelión, un día no que, con tremenda forza, a unidade do exército dos traballadores mobilízase contra os que hoxe dominan o destino dos pobos…, un día de protesta contra a opresión e a tiranía, contra a ignorancia e a guerra de todo tipo…’

O espírito co que naceu esta festividade, hoxe máis que nunca, ten que estar presente e vivo na sociedade actual, reclamando un espazo e poñendo en valor as demandas dunha clase traballadora que, nos últimos anos, sufriu o maior retroceso en dereitos laborais e sociais.  

Ourense, a nosa provincia, tampouco nesta ocasión puido fuxir do “austericidio”, con taxas de desemprego imposibles de soster, coa economía cada vez máis en precario, con salarios e pensións dos mais baixos de todo o estado, cun mercado laboral provincial que nada pode ofrecer xa aos ourensáns, sobre todo a unha mocidade sen futuro, á que nunca poderíamos imaxinar sufrindo tan pronto e tan de preto a brutal violencia desta nova emigración forzosa.

Os instrumentos de decisión e de poder semellan inalcanzables para amplos segmentos e ámbitos do mundo do traballo desta provincia. Coma se a facultade de remudar a situación fose algo alleo a un mesmo individual ou alleo á toda unha colectividade sen identidade.

A mobilización e a reconquista dos dereitos deben ser prioridade común da maioría social nestes tempos. Nin os medos de hoxe, nin os do pasado, deberan servir de argumento para deixármonos interiorizar a valorización da precariedade como un ben mellor a conservar e defender fronte a un incerto futuro que se nos quere formular como un risco peor.

Pero, por riba do intento de querer silenciarnos e reprimirnos a través da lei mordaza, nunha data como este 1º de maio, as persoas traballadoras temos que tomalas rúas para que se nos escoite, porque esiximos un cambio de rumbo nas políticas económicas e sociais. As mobilizacións na rúa e a participación activa novamente nas furnas, son os mellores instrumentos democráticos que temos para rematar tanta opresión. Viva o 1º de Maio!

Te puede interesar