Opinión

As pensións, os políticos e a lei

Distintos actores políticos e económicos levan varios anos lanzando mensaxes de quebra técnica do fondo de reserva da caixa de pensións e fan sesudos estudios sobre o futuro con técnicos “cualificadísimos” para defender a caixa, e mesmo ditan normas ao efecto facendo previsións a longo e medio prazo.

A realidade é que tíñamos un fondo de reserva de 66.000 millóns de euros para cubrir o déficit dunha estimación futura do dobre de pensionistas dos que temos hoxe e en relación cos cotizantes desa época futura pero, como veu a crise, os nosos gobernantes decidiron facer uso dese fondo para pagar as pensións, quedando agora un fondo pequeniño de 13.000 millóns de euros que, coa paga extra deste ano, o remanente restante vai quedar tiritando.

Dito todo isto e tendo claro que os nosos políticos entenden ben o sistema e o seu funcionamento, e como son elixidos democráticamente para defender a base fundamental na que se asenta o noso estado de benestar, como son as pensións, ocórreseme lembrarlles o seguinte:

-Cada goberno fixa a contía das pensións, tanto contributivas como asistenciais. As contributivas deben pagarse da caixa posto que para iso se contribuíu a elas. As asistenciais, entendo que deben ser aboadas dos presupostos xerais do Estado, así como os complementos a mínimos para todas aquelas que non alcancen a contía fixada na lei. Ese montante supera os 10.000 millóns de euros anuais que se están pagando da caixa incumprindo a lei de pensións que temos en vigor.

O enorme fraude xerado por empresas que non cotizaron á Seguridade Social, recadación que non chegou nunca a ser efectiva para ingresala na caixa, alcanza un dos capítulos máis tristes da nosa historia, no que todos os nosos representantes non atoparon solución para facerlle pagar aos múltiples Consellos de Administración desas entidades, nin aos representantes responsables das mesmas que contribuíron ao desfalco. Todos saíron indemnes. Ese montante económico daba por si só para sanear a caixa.

As decisións dos nosos gobernantes sobre as subvencións ás cotizacións á Seguridade Social dun inxente número de contratos deben conlevar a cotizar dos fondos do Estado a esa caixa, pois quen libra ás empresas de cotizar, debe ser él mesmo quen cotice.

-Os nosos representantes polo mero feito de ser parlamentarios, teñen dereito á pensión máxima. Tendo en conta as 17 autonomías, con parlamento e senado incluídos, nos que a maioría dos seus ocupantes cotizan e cobran salarios dignos, poderíase modificar a norma que lles concede tal privilexio si se compara coa carreira de cotización de 38 anos e 6 meses que se lle esixe aos traballadores para alcanzar o 100% da súa base de cotización e que moitos non alcanzarían con esa longa carreira unha pensión parecida en coantía. Un xesto daqueles repararía nalgunha medida a fama corrupta que algúns representantes da nosa democracia conseguiron e que xeraron unha contía económica de tal magnitude que si fora a parar á caixa, esta non estaría en risco.

-Outra das fontes de financiamento sería cotizar por todo o salario que se percibe e, a máis, podería pensarse en aumentar o baremo de cotización, xa que estamos a varios puntos por debaixo da media de cotización europea. Faise oportuno lembrarlles aos derradeiros técnicos especializadísimos reunidos para estudar como salvar a caixa, que a súa decisión sobre a cobertura media entre o último salario e a pensión respecto a Europa non reflectiu a realidade, máis ben un motivo de recorte, pois dixeron eses ilustres: “La cobertura media en España entre el salario último percibido y la pensión es del 70% mientras que en Europa es el 60%, en consecuencia, hay que reducir en España”.

-   E así, aquí aparece algo ben curioso, mutuas privadas e bancos privados dicíndolle aos traballadores que o sistema está en quebra, que subscriban plans privados se queren mellorar a súa pensión, resultando que o montante de diñeiro que non entra na caixa de pensións por esta vía é dunha elevada suma.

Lembremos que a pensión media en Europa é moi superior á española. En consecuencia, deberían aforrarse a fórmula de difícil expresión matemática e incomprensible interpretación para a inmensa maioría dos afectados. Tan só serviu para que o goberno de turno, en base ao “factor sostenibilidad del sistema”, puxera o límite de incremento e revalorización no 0,25%, explicándonos de seguido que, o goberno derradeiro ao actual, conxelara un ano a subida das pensións e eles, cambiaron a subida automática do IPC polo 0,25%, explicándonos de maneira reiterativa que eles revalorizan as pensións, cando na realidade se o IPC é superior ao 0,25, o que fixeron por lei, foi realmente rebaixalas de por vida.

Espero e desexo que esta nova xuntanza do Pacto de Toledo, corrixa o rumbo de piratería dunha caixa pública que debe garantir o futuro de millóns de cidadáns e que, simplemente con cumprir a lei, xa se garante “el factor sostenibilidad del sistema”.

Te puede interesar