Opinión

5 de abril, Domingo de Ramos

Opinión

5 de abril, Domingo de Ramos

“Eu pra min, as premoniciós haber hainas, mais dixérase que “agardan” que se produzan certos feitos pra manifestáranse”. 

(“Terra brava”, Anxel Fole).

Eran outros tempos. Aqueles si que eran Domingos de Ramos! Sempre aderezados con porfiosas competicións, a ver quen levaba o ramo máis rechamante. Nunha ocasión, disposto a impresionar á freguesía, o Ricardo do Camba presentouse cunha enorme taloira de loureiro, máis longa có pendón das procesións, case decotada ata a punta, onde lle espetara a carola dun nabo que lucía varios grelos floridos. 

Nesa cerimonia, ideada pola Igrexa para pórlle fin á Coresma, o ruxerruxe das follas e o aroma do loureiro verde eclipsaban os rancios e repugnantes cheiros a cera queimada, a incenso, a chamusco... a decadencia, en fin. Eran tempos nos que os curas oficiaban en latín e de costas cara a xente, condenándoa a escoitar e soportar as súas aborrecidas andrómenas, agás naqueles instantes de alivio, nos que a mocidade –e outros que non eran tan mozos– aproveitaban o barullo, mesmo para darlle estopa a aqueles piadosos desprecavidos, prestos a escoitar lerias inintelixíbeis. Das lombeiradas nin sequera se salvaba o cura, por atreverse a ir tan campante polo corredor central, sacudindo o hisopo a destro e sinistro. Nin o sancristán, por papaleisón.

Os de agora son tempos de mudanzas. Mais, vista a angostura da canella pola que nos enfían os medorentos a trepar polo descampado, obsesionados en apertar as costuras contra os matices e as compañías necesarias, todo parece indicar que os da alternativa política van ter que aprazar sine die o seu ansiado Domingo de Ramos. E iso talvez aconteza, non polos acertos do señor dos Peares, senón pola teimosía dos outros en perpetuar a Coresma, pretendendo que confundamos o Mércores de Cinsa co Enterro da sardiña, polo simple feito de cadraren no mesmo día, e así permitir que sigamos facendo do xaxún e da abstinencia a nosa forma de vida.   

Ah! O meu tío Lisardo sospeita que Feijoo si celebrará o Domingo de Ramos, saboreando outra maioría, a cabalo da nosa burremia irredenta, portando a palma de plexiglás, chea de abelorios, que lle serviu para embobarnos tantos anos seguidos. Mais, como non hai mal que por ben non veña, é probábel que dentro duns meses a leve canda el, se decide deixarnos plantados para mudarse á capital do reino.

Te puede interesar