Opinión

A ALGARABÍA

Algarabía: Calquera cousa dita ou escrita dunha maneira inintelixible. Confusión ruidosa de voces e gritos.  Alboroto, algarada, algareo, balbordo, barafunda, barullada, barullo, boureo, bulicio, bulla, rebuldaina, rebumbio.




Nas vésperas da manifestación que celebraron os cataláns, con motivo do seu día maior -a Diada- don Mariano Rajoy Brey, tan emposto a mexar fóra do testo, adiantouse aos acontecementos e, coa expresión facial propia dos que lle acaban de pisar o calo do dedo pequeno, oficializou esa coñecida sentencia de que 'España no está para algarabías'. Sen deixar que o reloxo contase as vinte e catro horas regulamentarias, despois de pasar o que pasou, este estadista tan respectado por Europa adiante, rectificouse a si mesmo e tratou de disimular, mirando cara outro lado, coma se a cousa non fose con el.


Antes do día de autos, o afamado barítono, acompañado dos principais tenores do seu partido, xa se fartara de entoar a aburrida cantinela da necesaria recentralización do Estado, tratando de convencernos de se hai crise é porque desafinan as autonomías e os concellos, esquecéndose de que cando hai tormenta é probable que acabe por chover.


Vaia! Se os feitos contradín a teoría, o que hai que facer é negalos canto antes. Daquela, unha cousa é quen ten a culpa da crise e outra cousa é a quen hai que botárllela! E en Portugal, con tan poucos concellos, quen a ten? E en Grecia, sen autonomías, quen a ten? E en Alemaña, con tanta descentralización, porque non lle afecta máis a crise?


Por iso, se o excmo. señor se farta de alardear sobre os 5.000 millóns e pico que lle ía prestar o Goberno español ao catalán, e mesmo o noso don Alberto el Recortador vai presumindo polas tabernas de novo rico, coa brincadeira de que 'hoxe Galicia paga e Cataluña pide', a ninguén lle debería sorprender que os da outra esquina lle dean a volta á tortilla, e o que comezara parecendo un xeneroso préstamo acabou por converterse nunha cativa entrega a conta da débeda millonaria que seica ten España con Cataluña.


E se un ?Rajoy- anda nas pavías, o outro ?Rubalcaba- anda nos melocotóns e aí o tes, pretendendo adiantar ao outro en raia continua, meténdose sen casco na eterna algarabía, tentando apagar o lume cun bidón de gasolina: 'Si Mas quiere romper con España tendrá enfrente al PSOE'.


Pois iso. Unha cousa é o que é, e outra cousa é, e o que ten que parecer! Os feitos non contan, o que importa é a teoría!


Ah! Pregunta o meu tío Lisardo que carallo deberá estar pasando en Madrid para que haxa tanta xente aburrida, triste e amonada: Ronaldo, Mouriño, Esperanza Aguirre, Rubalcaba... Non será que se queren separar de España?

Te puede interesar