Opinión

Os bacelos de prata e o nome natural das cousas

O vindeiro sábado 15 de novembro, na véspera do Día Internacional da Tolerancia, a Asociación Álvaro das Casas vai materializar por décimavez –e xa non é puco!- a entrega dos premios Bacelos de Prata a dúas adegas galegas, por facer algo tan natural como é usar o galego na etiquetaxe das súas botellas de viño. 

A teimosía dos organizadores de tan natural e considerable evento e, por suposto, a loable decisión de moitos adegueiros –e doutras empresas do sector agroa- limentario- de etiquetar os seus produtos en galego, debería ser merecente dunha maior atención da cidadanía galega, pois non é doado atopar noutros sectores empresariais esa ansia por dignificar o noso idioma, usándoo con naturalidade na identificación das súas mercadorías.

Persoas e asociacións comprometidas coa normalización da lingua perseveran arreo para que os empresarios do País comprendan que o uso do galego no etiquetado non só non prexudica os seus produtos, senón que, ese matiz dunha maior identificación coa Terra, ao trocar a condición do propio nun factor de calidade, contribúe a dotar o seu xénero dun inmensurable valor engadido que, á parte de non minguar para nada a súa competitividade, repercute decididamente na conformación da nosa autoestima como cidadáns galegos. 

Nun mundo no que a globalización tanto axuda a esluír a diversidade, nun tempo no que a desgaleguización que nos ensume está a piques de facerse raíña e señora dun País que observa impasible como o seu Benestar se engruña por cada migallo que perde de identidade, iniciativas coma a que nos ocupa axudan decididamente a acender un facho de esperanza.

Mais a meirande satisfacción dos organizadores e dos comprometidos cos Bacelos non vai vir polo merecido recoñecemento. Virá cando poidan gabarse de non ter destinatarios dos galardóns, cando o uso da etiquetaxe en galego se converta en algo tan normal que, o realmente estraño, sexa pór os prospectos en castelán. Daquela, no canto de premiar adegas coma Arco da Vella (Beade) e Terra de Asorei (Cambados) por fomentar o uso do noso idioma, o encontro de Esposende só servirá para celebrar que o esforzo pagou a pena.

Ah! O repugnante do meu tío Lisardo anima á Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros e nomeadamente aos dous Pepes –González e Carballido- a que acometan o reto de levar o asunto unha chisca máis adiante, porfiando cos hostaleiros a que propoicien o consumo dos artículos etiquetados en galego e, de paso, que perdan o vezo que teñen algúns de responder, “un café con leche?”, ao pedirlle, “un café con leite, por favor”. Pois iso, se nos entendemos na nosa lingua, que necesidade temos de mudar o nome natural das cousas? 

Te puede interesar