Opinión

CADA VENRES MÁIS

Tardar tardou en acordar, mais por fin o ilustre moncloíta xa ten plan. De agora en adiante e ata nova orde, cada venres dona Soraya ?a vicepresidenta- avisaranos de novas reformas e máis recortes. Ao fin e ao cabo, novas penurias que se presentarán en forma de decreto e arrasarán sen miramento, coma unha xeada de inverno, todo aquilo que tanto traballo nos custou conquistar. E, como único argumento, fartarémonos de escoitar miles de veces que son medidas necesarias e nada máis. O que fai o Goberno, faino porque ten que facelo e acabouse o conto. E se hai que dar algunha explicación, bótaselle a culpa a Zapatero e xa está. E, o que é peor, sen que nos decatemos inxectarannos unha especie de analxésico que nos apampanará pouco a pouco ata deixarnos bobos de remate. Aguantar, pagar, obedecer e calar. Esa é a cousa. É o que hai, e non hai máis voltas que darlle.


Rajoy pensa que é o enviado do Señor ?ou da Señora, mais ben- e ten que cumprir os designios divinos. Hai que reformar e recortar para cumprir cos obxectivos do déficit, esa especie de vaca sagrada que todos debemos adorar. Non hai sitio para os agnósticos nin para os disidentes. Cumprir os obxectivos do déficit non é unha simple posición política, é dogma de fe no mundo da relixión única e verdadeira, e polo tanto ninguén ten dereito a pedir explicacións nin pór en dúbida o camiño que nos levará á gloria final.


Iso si, eses recortes de cada venres, necesarios para gañar o ceo do crecemento económico, podían ser máis duros cos que poden resistir mellor, porque teñen máis, ou no peor dos casos, con todos por igual, por aquilo de que seica somos iguais. Mais non, tócalle aos de sempre apandar coa penitencia da crise. Aqueles que teñan posibles para dispór da 'bula da Santa Cruzada' ficarán fóra das drásticas medidas de don Mariano. Uns terán prohibido pórse mal ou, se enferman traballando, pagar e calar, e outros poderán romper a cadeira cantas veces queiran ou facer buratos nos pés, mentres se divirten á conta de todos, sen ter que pagar un can.


Como di o meu tío Lisardo, sempre foi así e así sempre será. Os que dispoñan da bula, dese máxico salvoconduto eclesiástico, poderán comer carne tódolos venres do ano, sexan Coresma ou non, e os que nona teñan, terán que andar á esmola e calar.


Ah! Hai que velar tamén ao tal don Alberto, pois comeza fumigando os eucaliptos, con ese pesticida tan tóxico, dicindo que é para acabar coa praga do gorgullo e, de paso déixanos sen abellas, sen avésperas e finalmente sen país. Que modelo de austeridade, mi madriña querida!

Te puede interesar