Opinión

CANDO OS VENRES CAEN EN MÉRCORES

'Presiento que tras la noche/


vendrá la noche más larga'


('Al alba', Luis Eduardo Aute)






Non debe andar moi católico o ilustre moncloíta para facer caer en mércores un dos máis doridos 'venres de dolor' e facer arroutadas propias dos que teñen o sangue trastornado. Vaia! Se non ten dereito ao médico do seguro, debería acudir ao de pago, mais convén que se faga mirar canto antes para evitar males maiores.


Mentres os seus compinches aplaudían, brincaban e rían no Congreso dos Deputados, sen saber porque si nin porque non, don Mariano comunicounos, con toda solemnidade, que adoitaría de inmediato as medidas necesarias para facer máis pobres aos máis pobres e deixar que os máis ricos poidan seguir sendo máis ricos, baixo o incuestionable principio axiomático de: 'Hago lo único que se puede hacer, tanto si me gusta como si no'.


Que este excelentísimo señor suba o IVE dos perruqueiros pode pasar; é cousa de ser máis guedelludos. Que suba o da cultura é o de menos; presumiremos ser máis ignorantes. Que os funcionarios fiquen sen a extra do Nadal, non ten maior importancia; a calquera lle pode pasar. Mais que este heroe do silencio ou semideus da xeada se atreva a subir en trece puntos o IVE da morte, non pode ser cousa de xente ben avisada.


Aínda que pareza moi macabro, por aquilo de que non hai parvo sen malicia, se cadra a brincadeira non está tan mal atinada. Non ten porque afectarlle electoralmente ao partido gobernante -se Feijóo nos permite seguir votando- pois é evidente que os suxeitos pasivos de semellante cafrada non están en condicións de protestar despois de que llela craven ben cravada, nin hai a máis mínima posibilidade de que sexan acusados de fraude porque, por moitos que morran, están perfectamente controlados. Tanto ten que morran de fartos coma que morran de fame! O morto, morto está, paga e cala!


O único inconveniente é que o señor Montoro -ocorrente onde os haxa- non poderá esgrimir neste caso o seu estúpido argumento de que se non houbese fraude, o IVE non sería tan caro. No asunto da morte o fraude ten moi poucas posibilidades. Cantos máis morran máis se recada! Este é un sector ben transparente e fiscalmente saneado. É moi difícil morrer ás escondidas, sen que ninguén o saiba. Aquí non hai economía somerxida que vala!


Ah! Débelle estar pasando algo malo ao meu tío Lisardo, pois dende hai un tempo para acá non fai máis ca preguntarse se fomos sempre así ou é que ultimamente andamos 'trasluados'. Eu non sei se é cousa desta calor que nos abafa e non nos deixa paría para comportarnos coma persoas normales ou é a estulticia deses elementos que puxemos para que manden, empeñados en erguerse á rompida do día para tocarnos o nabizo ben tocado.

Te puede interesar